Sin categoría

Manifesto Miñor critica a inacción das administracións ante as enchentes

Dende Manifesto Miñor asisten con preocupación a unha situación que lembra á vivida a finais do pasado Nadal. “Novamente, vemos como o desbordamento dos Ríos Miñor e Zamáns volven asolagar Gondomar, poñendo en risco vivendas e vehículos de veciñas e veciños da Vila e do barrio da Ponte, en Mañufe. As fortes chuvias e, seguramente, a apertura das comportas do encoro de Zamáns, tal e como veñen denunciando dende a Asociación de Persoas Afectadas polas Enchentes dos Ríos Miñor e Zamáns, fixeron subir máis de 40 centímetros o caudal dos ríos e volveron provocar inquedanza na veciñanza”.

“E mentres isto ocorre, que fai o Concello e a Xunta de Galicia? Esperan que o caos volva a Gondomar, igual que hai 10 meses, pois seguen enleados na súa pelexa particular co gallo do Proxecto de mellora da drenaxe na confluencia dos ríos Miñor e Zamáns en Gondomar. Entre tanto, unhas obras que levan adxudicadas un ano están sen acometer porque don Paco Ferreira non sabe por onde desviar o tráfico pola vila de Gondomar e Augas de Galicia non quere realizar as actuacións en dúas fases”, recorda Antonio Araújo.

Manifesto Miñor admite que ben é certo que, nos últimos meses Augas de Galicia estivo desenvolvendo traballos de limpeza do río entre a Vila de Gondomar e a ponte de Mañufe, “pero eses traballos son insuficientes e deberían continuar río abaixo”. Estes días, parece que os traballos neste sentido están a se realizar no Río das Rasas/Couso, que queda na parte alta, “cando debería ter prioridade o desatuimento cara a desembocadura”.

“Doutra banda, hai case un mes o señor Alcalde anunciou en prensa un Plan de Acción Municipal de Riscos de Inundacións, do que, a día de hoxe, nin os grupos da oposición nin as persoas afectadas temos coñecemento. No pasado pleno, solicitamos ao Alcalde que incorporase aos afectados a ese plan de emerxencias que se está a elaborar para a prevención das enchentes en Gondomar. A resposta foi un desprezo absoluto á Asociación de Persoas Afectadas polos Ríos Miñor e Zamáns, que quedan desamparadas ante a inacción e opacidade do goberno municipal”, lamenta Araújo.

Dende Manifesto Miñor solicitan, en primeiro lugar, unha actuación inmediata e urxente por parte do Concello para mitigar as consecuencias das enchentes destes días tanto na Vila como no barrio da Ponte, en Mañufe. “Agora ben, dende a Xunta de Galicia teñen que se levar a cabo as obras necesarias para conseguir que as enchentes non se repitan ano tras ano en Gondomar e deixe as pelexas absurdas con don Paco Ferreira”, conclúen.