Lucenza organiza unha andaina pola Foz do Miñor e unha charla sobre aves migratorias

FOTO: PEPE COSTAS // A Foz do Miñor.

Lucenza – Ateneo de Nigrán organiza este sábado 28 de outubro pola tarde na Ramallosa unha serie de actividades dedicadas á observación de aves e o coñecemento do fenómeno migratorio e o seu paso pola comarca.

Ás 17:00 horas, sempre que a choiva non o impida e con saída dende a cafetería do Centro da vella estación do tranvía da Ramallosa, realizarase unha andaina pola Foz do Miñor, para coñecer as súas potencialidades naturais e as súas afectacións actuais por intervención humana. Nesta andaina terase a oportunidade de observar in situ distintas especies e aves migratorias que utilizan este humidal costeiro. Prégase aos asistentes levar prismáticos.

E ás 19:00 horas terá lugar nos locais do Centro da Terceira Idade da Ramallosa (vella estación do tranvía) unha charla-coloquio sobre aves migratorias, impartida polo ornitólogo César Vidal Rodríguez. Falarase das características do fenómeno migratorio (rutas, estacionalidade, zonas de descanso e alimentación, especies, efectos que está a producir o cambio climático, etc.).

Estas actividades do Ateneo de Nigrán forman parte das que en todo o mundo se desenvolven en conmemoración do Día Mundial das Aves Migratorias, que se celebrou o pasado día 14, co obxectivo de sensibilizar á poboación sobre a necesidade de conservar estas especies e os seus hábitats.