Sin categoría

Ferreira responsabiliza á Xunta das graves inundacións sufridas esta madrugada

As fortes e continuas choivas rexistradas nesta madrugada provocaban numerosas incidencias que afectaron a todo o municipio, con camiños anegados, desprendementos de muros e noiros, vehículos atrapados ou problemas no subministro eléctrico. Como en anteriores ocasións, temos que lamentar numerosos danos nas infraestruturas municipais e decenas de vehículos afectados, pola crecida dos ríos Miñor e Zamáns.

Dende o goberno local aseguran que as medidas para mitigar as inundacións reclamadas ao organismo de conca, Augas de Galicia, non chegan. As demandas de limpeza dos ríos, coa retirada de árbores e outros obstáculos que frean a saída da auga, a retirada de sedimentos ou a tan agardada obra para mitigar as inundacións, son moitas das alternativas propostas ao organismo autonómico.

“Lamentamos que o Concello de Gondomar non estea declarada zona de emerxencia, algo que facilitaría moito a tramitación de axudas económicas á veciñanza para facer fronte aos danos sufridos en vivendas e vehículos de forma reiterada ou que non habilite liñas directas de axudas como fixo a Deputación de Pontevedra cando estaba presidida por Carmela Silva”, comenta o Alcalde.

Dende o goberno local presidido por Paco Ferreira, instan á Xunta de Galicia a que coa máxima urxencia dean comezo as obras prometidas do proxecto de “Mellora da drenaxe na confluencia dos ríos Miñor e Zamáns en Gondomar”, que foron adxudicadas fai un ano e que aínda non deron comezo a pesar das reiteracións feitas dende o Concello para comezar canto antes, habendo posto o concello os terreos e parcelas privadas á súa disposición para levar a cabo as actuacións previstas.