Sin categoría

Ferreira critica a falta de médicos no Centro de Saúde de Gondomar

O alcalde, Paco Ferreira, únese as reivindicacións realizadas polo persoal do Centro de Saúde de Gondomar que esta semana saía a denunciar a situación de caos que se está a vivir dende hai meses no municipio. A falta de dous facultativos dende hai máis de seis meses está a provocar que moitos dos pacientes teñan que esperar máis de 10 días para poder ser atendidos, situación que previsiblemente, e segundo indica o persoal do centro, prolongarase durante meses.

“É inadmisible que os nosos veciños e veciñas teñan que sufrir as consecuencias da mala xestión que o goberno da Xunta de Galicia está a facer dun tema tan importante como é a nosa saúde. Este é un exemplo máis da situación actual da nosa sanidade pública, que presenta un panorama desolador en toda Galicia, como consecuencia da política caciquil do Partido Popular, que leva anos de recortes continuos que afectan tanto ao persoal como ao financiamento dos nosos centros públicos. O PP leva anos desmantelando a nosa sanidade pública en beneficio das empresas privadas que presiden os seus amigos”, afirma Ferreira.

“Non imos a consentir o maltrato e abandono por parte da Xunta de Galicia e seguiremos reivindicando os dereitos da nosa veciñanza, de ser atendidos con dignidade, polo que esixiremos a cobertura inmediata das prazas vacantes. Lamentamos profundamente a actitude impasible do PP e seguimos esperando a súa resposta ao escrito enviado hai xa varias semanas, onde se criticaba a campaña de vacinación fronte ao covid, que novamente obriga aos nosos maiores a trasladarse fóra do municipio para recibir as súas doses, un exemplo máis de falta de sensibilidade do goberno autonómico”, sentencia o rexedor.