Sin categoría

Charla sobre o TDaH en Gondomar

O Concello de Gondomar organiza o 28 de outubro un encontro para preguntar, escoitar, compartir e coñecer o TDaH. Por terceiro ano consecutivo, a Concellería de Xuventude traballa para concienciar á poboación sobre este trastorno dentro do seu programa de Saúde Mental Mocidade Gondomar. Búscase promover a comprensión e o apoio ás persoas que o padecen e a importancia dun diagnóstico temperá.

O 27 de outubro é o Día Nacional do TDaH, un trastorno neurobiolóxico que afecta fundamentalmente ás áreas de atención e de hiperactividade/impulsividade. Este trastorno inhibe a capacidade de regular a actividade, os pensamentos, o comportamento e atención. Co lema deste ano do programa de Saúde Mental preguntarase, escoitarase, compartirase e coñecerase sobre o TDaH.

A data escollida é o sábado 28 de outubro ás 11:00 horas no Centro Neural do Concello de Gondomar, con Paula Fernández Rodríguez, experta e supervivente ao TDaH e ao sistema educativo. Co título “Na corda frouxa. A abordaxe do TDaH nas diferentes áreas”, analizarase o tratamento que recibe o TDaH na vida académica, social e familiar. Darase conta dos recursos e actuacións precisas para que o diagnóstico deixe de ser un problema. Afondarase nos recursos cos que se conta e os que se necesitan para esa abordaxe do TDaH.

Ás persoas interesadas en participar neste encontro aconséllaselle a preinscrición a través de omix@concellodegondomar.gal ou chamando ao 986.369.746 (OMIX Gondomar) por cuestións de aforo limitado.