Como era previsible volveron as enchentes a Gondomar, desta volta adiantadas. Outra noite en vela co medo no corpo e retirando coches, baleirando rochos e garaxes, etc…. “E mentres o noso Alcalde encerellado coa Xunta por mor da construción da nova ponte e por onde pasar o tráfico”, lamenta Antonio Araújo, Presidente da Asociación de Afectados polas Enchentes de Gondomar, que acaba de enviar un escrito a Augas de Galicia para que actúen, “pois disto saben de sobra”.
Como resulta evidente as enchentes do outono adiantáronse con especial forza volvendo sementar a inquietude e o medo entre as persoas e as familias afectadas polas enchentes do inverno pasado, que a estas alturas moitas aínda non deron reparado os danos causados polas mesmas. Esta noite tocou estar de novo alerta retirando coches, aveños, baleirando rochos, etc, etc. “Para moitos de nós tocou revivir de novo o temor do ano pasado. Ninguén nos avisou de nada”.
“Polo maneira que ocorreron os feitos (igual ca sempre) sospeitamos que volveron abrir as comportas do Encoro de Zamáns de madrugada (sobre as cinco segundo nos din algúns veciños da zona da Ponte de Mañufe), feito que non podemos confirmar pois a información sobre este tipo de actuacións está vetada para nós, e agora moito máis despois que a Fiscalía de Vigo arquivase a nosa denuncia sobre este asunto por considerar que nestas actuacións non se advertía mala intención”, relata Araújo.
“Augas de Galicia ten que tomar cartas neste asunto pois a veciñanza que vivimos río abaixo, principalmente na Vila de Gondomar e no barrio da Ponte de Mañufe, non podemos estar ao albur de quen decide baleirar o encoro segundo lle convén sen ningún tipo de previsión ou antelación. Por outra banda as obras denominadas de drenaxe do Río Zamáns no centro da Vila de Gondomar non dan comezado, mentres, a veciñanza da Vila seguimos coa espada de Damocles pendurada sobre nós. Hoxe mesmo a Praza de Abastos volveu quedar inutilizada por mor da riada. É urxente que a Xunta de Galicia e o Concello de Gondomar se poñan de acordo sen máis dilación no asunto do desvío do tráfico, sen descoidar as consecuencias que esta actuación vai ter no futuro río abaixo no Barrio da Ponte en Mañufe”, continúa o escrito.
Por último, solicitan que a corta e limpa de árbores caídas nas beiras do Río Miñor dende a Ponte de Mañufe para abaixo, teña prioridade absoluta, pois é nese treito onde se producen as represas de auga e en consecuencia o favorecemento das enchentes. “Pensamos que non ten sentido estar limpando agora no Río das Rasas/Couso que queda na parte alta cando por lóxica o desatuimento do río debe ser da desembocadura para arriba. Evitar unha crecida de dez centímetros da enchente pode supoñer que a riada non entre nas nosas casas”, conclúe Araújo.




