Sin categoría

O Banco de Alimentos necesita 125 voluntarios no Val Miñor para a súa Gran Recollida

A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo necesita uns 1.800 voluntarios para poder desenvolver a súa Gran Recollida nos supermercados os próximos 24 e 25 de novembro que, como na edición anterior, volverá ser en formato mixto. Preto de 125 establecementos comerciais da provincia de Pontevedra adheridos á campaña “Alimenta unha vida mellor” da Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL), permitirán a presenza da marea azul que, cos seus petos identificativos, facilitarán as doazóns físicas, así como, informarán da posibilidade de realizar achegas económicas ao pasar por caixa.

Contarán con voluntarios en distintos supermercados nas seguintes localidades: Vigo, Redondela, Porriño, Mos, Baiona, Gondomar, Nigrán, Tui, Tomiño, O Rosal, A Guarda, Pontevedra, Poio, Marín, Arcade, Lalín, Sanxenxo, Vilagarcía e Cambados. Algunhas cadeas de alimentación como Mercadona, El Corte Inglés, DIA ou Lidl, só levarán a cabo achegas económicas ao pasar por caixa nesta Gran Recollida 2023, sen posibilidade de doazóns físicas. No Val Miñor serán necesarios 125 voluntarios, que estarán repartidos en 7 supermercados da comarca.

Para ser voluntario da Gran Recollida só hai que considerarse unha persoa empática, dispoñer de catro horas libres e darse de alta en http://www.bancoalimentosvigo.org. Por segundo ano consecutivo, contan cunha moderna aplicación informática na web, a través da cal, pódese elixir a xornada concreta para realizar o voluntariado, a xornada, o supermercado e a quenda desexada.

Más centros educativos que en 2022

Uns 40 colexios e institutos da provincia sumaranse novamente á Gran Recollida 2023, mobilizando ao seu alumnado a pé de supermercado. “Aos centros educativos ofrecémoslles unha experiencia para que os seus alumnos e alumnas coñezan, primeiro, un problema social que existe e que poida que ignoren e, segundo, descubran a idades temperás que a solidariedade é un valor que hai que traballar”, sinalou o presidente do Banco de Alimentos, Iván Martínez. Así mesmo, volverán contar con persoais de traballadores de diferentes empresas e entidades sociais que levan anos colaborando coa ONG.

Igualar ou superar os 350.000 quilos

O obxectivo deste ano é igualar ou superar os 350.000 quilos de comida recadados durante a pasada Gran Recollida, unha cifra máis que ambiciosa tendo en conta a situación actual. “Este ano máis que nunca, imos necesitar a xenerosidade da cidadanía, xa que, estamos nunha situación moi complicada. Se sempre apelamos á solidariedade e a sociedade sempre respondeu, este ano con máis motivo”, manifestou Martínez.

Pola súa banda, o vicepresidente, Polo Quinteiro, fixo fincapé en que este ano a Gran Recollida 2023 é máis importante que nunca: “Sabemos que os nosos concidadáns de Vigo e a provincia sempre son xenerosos”, apostilou, á vez que lembrou o cambio substancial do Fondo de Axuda Europea para as Persoas Más Desfavorecidas (FEAD), previsto en 2024 cando desaparecerá a recepción de alimentos físicos.

Se logran igualar ou superar a cifra alcanzada o ano pasado, que foron 350.000 quilos de comida, estarían a garantir o abastecemento de alimentos básicos tanto ao almacén de Lavadores como á nave coa que contan en Pontevedra, polo menos, ata a primavera de 2024.

Padriño ou madriña, a mediados de novembro

Haberá que esperar ata mediados do próximo mes de novembro para desvelar quen tomará a substitución de Alba Lago, última madriña da Fundación Provincial Banco de Alimentos, uníndose así á querida lista de embaixadores que recibiron, durante un acto de imposición en Lavadores, o peto de voluntario: Pedro Alonso (2021), María Rey (2019), David Amor (2018), Carlota Corredera (2017), Gonzo (2016) e María Castro (2015).

A Fundación Provincial Banco de Alimentos repartiu uns 2 millóns de quilos de alimentos durante 2022 entre as 152 ONG ás que atenden e, a través das cales, chegan a máis de 20.000 persoas vulnerables. No primeiro trimestre deste 2023, entregaron xa preto de 900.000 quilos de alimentos. Cun claro carácter apolítico e aconfesional, todos os seus esforzos van encamiñados a velar polo cumprimento dun dos dereitos humanos máis fundamentais: o acceso a unha alimentación suficiente, segura e saudable.