O Club Baloncesto Nigrán viviu este domingo a festa de presentación dos seus equipos para esta nova tempada 2023/2024. O acto comezou co desfile dos once equipos que competirán esta tempada e que fixeron a súa aparición en pista a golpe dunha banda sonora específica para cada un deles. O primeiro equipo en aparecer en pista foi o sénior masculino, para a continuación facelo os dous equipos júnior masculinos. Estes tres equipos colocáronse formando un túnel por onde fixeron a súa entrada a pista o resto de equipos do club. As primeiras en atravesalo foron as xogadoras integrantes do equipo júnior feminino, seguidas do equipo cadete masculino e os dous infantís, primeiro o masculino e despois o feminino. A continuación apareceron en pista os equipos alevíns feminino e masculino, para pechar o desfile cos equipos benxamín mixto e baby.
Cos equipos desfilaron os seus respectivos adestradores e adestradoras que, baixo a dirección deportiva do Club, levarán a cabo o traballo coas diferentes categorías ao longo de toda a tempada. Juan Fernández será o técnico do sénior masculino, Abel Marcos Soares do júnior masculino negro e Álex Holguín do júnior masculino vermello e do alevín masculino. Xavier Barra dirixirá ás júnior mentres que Nuria Gómez encargarase dos cadetes e de ambos infantís. Por último, Álex de la Iglesia será o adestrador do equipo alevín feminino, Héctor López do benxamín mixto e Antón Fernández do equipo Baby. Ao acto asistiron o presidente da FGB Julio Bernárdez, o delegado zonal da FGB Fernando Pérez, a concelleira de Deportes Sara Penedo e outros membros da corporación.
O acto pechouse coa foto de familia de todo o club na bancada e coa ilusión de que esta nova tempada 23/24 traia grandes momentos deportivos para todos.















