Judith García Llamas, 39 anos e natural de León. Ela é a representante elixida polo Concello de Nigrán para representar ao municipio no “III Foro da Muller Rural” que se celebrou este venres no Rosal baixo a organización da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste – Eu Rural. A súa historia é a dunha vida envorcada nos cabalos. A paixón polos animais levouna primeiro a estudar Veterinaria e, entrementres, a tomar contacto coa equitación grazas a unha amiga xermana que a introduciu nese mundo do que xa non saíu. Tras percorrer durante anos toda a península traballando en diferentes centros ecuestres, hai dous que se instalou definitivamente en Nigrán (San Pedro da Ramallosa) para fundar, por vez primeira, o seu propio club: “Llamas de Cea”. “Pensamos nela porque desenvolve un traballo ancestralmente vinculado coa vida rural, é nova, emprendedora e elixiu Nigrán entre todas as opcións que ten unha persoa sen vínculos familiares con Galicia”, explica o alcalde, Juan González, quen destaca a fortaleza de Judith para levar adiante ela soa o centro ecuestre.
“Aquí non hai domingos, nin festivos, nin nada, estou desde a mañá á noite, non existe a conciliación. Esta é a miña vida e a miña paixón”, valora Judith, quen conta desde hai uns meses coa axuda do seu irmán. Ata agora, ela soa se ocupaba de alimentar, limpar, coidar e educar a 7 cabalos propios e 5 privados, ademais de impartir clases a preto de 30 rapaces, organizar rutas, campionatos… A súa formación como veterinaria fai que, ademais, leve directamente os coidados médicos que os animais precisan. “Este é un traballo de 8:00 a 21:00 horas. Os cabalos teñen un reloxo biolóxico que non se detén e estou eu soa co meu irmán”, explica. Agora, ao seu soño de ter fundado o seu propio club, quere sumar outros retos, como que os seus rapaces cheguen a competir en campionatos nacionais.
“Hai moito potencial e non existe idade para montar a cabalo. Ademais, observo que aquí os rapaces son máis botados para adiante e as súas familias máis naturais con este mundo, o vínculo co campo é estreito e non se asustan facilmente nin se lles sobreprotexe”, considera Judith, quen tampouco se preocupa ante a competencia doutros clubs en toda a comarca, ao contrario, o ve como algo positivo. “Son nova. Funme movendo por España e Portugal segundo chegaban as oportunidades e circunstancialmente acabei primeiro en Vigo e despois aquí, todo sen planificar, e estou moi feliz”, resume.

