Sin categoría

Efectivos municipais traballan para reparar as incidencias ocasionadas polo mal tempo en Baiona

Desde primeira hora da mañá efectivos municipais traballan para reparar os danos causados polo mal tempo. O temporal provocou numerosas incidencias no Concello de Baiona. Os operarios continúan traballando para que a localidade volva á normalidade.

O punto máis conflitivo estivo no Campo do Aral, onde o temporal fixo ceder parte o valo metálico que rodea ao campo de fútbol municipal. Tras cercar a beirarrúa da zona, os traballadores atópanse desmontando a infraestrutura para evitar futuros desprendementos e para que a zona quede libre de perigo, pois se atopa a escasos metros do CPI de Cova Terreña, do Pavillón Municipal e do Cemiterio Municipal de Baiona.

Ademais, na xornada desta mañá de venres toca seguir limpando e reparando os elementos afectados polo temporal e pola ondada, que danou mobiliario urbano e desprazou escuma e area traídas polo mar desde a praia da Concheira ata o Parque Infantil da Palma.

O Museo Flotante da Carabela Pinta permanecerá pechado ao público na xornada de hoxe debido a que as malas condicións meteorolóxicas provocaron danos na cabuiería, un perigo para a estabilidade da embarcación. Os operarios municipais encargados do mantemento da nave atópanse inmersos nos traballos de reparación para que o museo volva estar operativo canto antes.

Así mesmo, efectivos da Policía Local interviñeron en varias incidencias, a maioría por contedores movidos ou tirados en distintas rúas da localidade e por ramas e árbores caídas sobre vías e camiños, algunhas das cales dificultaron a circulación de vehículos. O temporal tamén fixo ceder o asfalto, xerando algunha que outra focha ou caída de pedra de muro en varias das parroquias do municipio.

O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, solicita a todos os baioneses “máxima precaución nas zonas costeiras urbanas, especialmente no tramo do paseo marítimo comprendido entre o Paseo Pinzón e o Parque da Palma”. Tamén precaución no acceso ás praias e coa ondada nas zonas do paseo marítimo. “Así mesmo, pedimos precaución á hora de circular co vehículo polas vías e camiños da localidade. O vento e as choivas irán perdendo intensidade, pero as precipitacións non desaparecen”.