A Concellería de Deportes do Concello de Baiona atópase inmersa nos últimos preparativos de organización do X Trail Trans Serra da Groba, que se celebra o vindeiro sábado 28 de outubro. Este ano a proba chega á súa X edición. As inscricións estarán abertas ata o vindeiro martes 24 de outubro. Existirán dous tipos de proba: o Trail, de 31 Km, e o Trailiño, de 15 km, cun itinerario que percorre os montes da Serra da Groba, utilizando pistas forestais, sendeiros tradicionais e tramos de asfalto á saída e á chegada a meta. A proba de Trail está aberta a todas as persoas deportistas con idade mínima de 18 anos (cumpridos o día da proba). No caso da proba Trailiño poderán participar as persoas deportistas que teñan cumpridos 16 anos o día da proba, a condición de que conten coa autorización dos seus pais ou titores.
Desde o Concello de Baiona queren dar as grazas ao Club Atletismo de Baiona e a todas as persoas voluntarias que colaboran realizando diferentes labores de limpeza naquelas zonas do monte polas que pasan as dúas probas. “Grazas a todos polo voso compromiso con esta singular proba que este ano cumpre o seu décimo aniversario, sen o traballo de todos non sería posible chegar ata aquí”. As inscricións poderanse formalizar a través da páxina http://www.championchipnorte.com e na páxina web http://www.baionacodeporte.gal.
A entrega de dorsais realizarase no Pavillón Municipal de Deportes situado na rúa Dolores Agrelo, s/n, onde estará situada a saída e a meta das probas, desde as 17:00 ata as 21:00 horas do venres 27 de outubro e o propio sábado día 28 (día da carreira) desde as 7:00 ata as 10:00 horas da mañá. O Trail arrancará ás 8:30 da mañá, mentres que o Trailiño farao ás 10:00 horas.

