O grupo municipal do PP de Gondomar está convencido de que a Praza Manuel Alonso, máis coñecida como Alameda, necesita un arranxo urxente do pavimento, saneamento, subministro auga, desaugues, etc., pero non se pode facer o que se pretende nese proxecto. Afirman que xa llo dixeron ao Alcalde en abril cando Ferreira o aprobou “in extremis” coa súa maioría absoluta e nun pleno convocado con menos de 24 horas, e o volven dicir agora. Afirma Paula Bouzós que “no pleno de onte aprobouse co noso voto a favor, retirar da orde do día a adxudicación das obras da Praza Manuel Alonso (Alameda), para que volva a pleno cun proxecto consensuado entre todas as forzas políticas e os veciños e comerciantes, que non é o mesmo que di o Sr. Ferreira de que votamos en contra do proxecto”. A voceira aclara que no pleno quedou claro que non se perden estes cartos, que o prazo para facer as obras remata en abril de 2025 e que polo tanto hai tempo dabondo para consensuar unha solución a esta praza. Xustifican os populares que eles votaron a favor de retirar a adxudicación das obras da orde do día polas contradicións entre o que di o proxecto e o que di o alcalde, que non coincide, e porque este proxecto é moi mellorable.
Segundo o PP de Gondomar o que di o proxecto que onte foi a pleno é que só se pode circular en sentido descendente pola rúa San Bieito, que as rúas Manuel Losada e Cruz de Mera quedan restrinxidas só para residentes, que non é o mesmo que sexan residenciais, que non se vai a poder parar en toda a praza, que para iso vai colocar 93 bolardos de 1 metro de altura, para que non se poida nin abrir a porta do coche, que non se vai poder aparcar pegado ao cemiterio, que para iso coloca tres bolardos que impiden o acceso de coches. Ademais nos planos de circulación mixta non aparece esa zona como zona de paso de vehículos. Afirman tamén que nese proxecto toda a praza vai ser nun só nivel, toda empedrada e que só vai poñer oito árbores ao longo da rúa Manuel Losada, e vai a colocar entre estas árbores, cinco farois que custan 125.000 euros, que entre as zonas de aparcamento da alameda e a zona pegada ao cemiterio vén quitando máis de 40 prazas de aparcamento, porque non vai permitir o acceso a ese aparcamento pegado ao cemiterio e que no proxecto non están os sinais informativos e de tráfico a colocar, polo que non está claro que sinais vanse colocar.
Paula Bouzós preguntoulle no pleno ao alcalde por onde vai desviar o tráfico dos veciños de Chaín, Morgadáns e Peitieiros, si polas Rúas Ánimas, Pereiras, Emigrante e Conde de Gondomar, ou pola estrada que vai por riba da igrexa. Tamén cuestionou si esas vías estaban acondicionadas para soportar o volume de tráfico que van ter ao pechar a rúa Manuel Losada. A Concelleira dille ao Alcalde que se vai poder circular por Manuel Losada que modifique o proxecto e que o traia modificado ao pleno, que poña tamén no proxecto as zonas onde se vai a poder parar e as zonas de carga e descarga, que cambie os farois de 125.000 euros e no seu lugar execute o arranxo do aparcadoiro de San Bieito. Recórdanlle que os pregos de adxudicación que aprobou o alcalde, este decantouse polos farois en lugar de arranxar o aparcadoiro que custaba 80.000 euros. Pídenlle que permita o acceso ao aparcadoiro pegado ao cemiterio, e que poña máis zonas verdes nesa praza. Finalmente, revelou que o propio alcalde “está obcecado” con esta remodelación malia que sabe que pode ser prexudicial, “porque do contrario accedería de mutuo propio a retirar do pleno o expediente e baixarse a negociar coa oposición, veciños e comerciantes un proxecto satisfactorio para todos”.

