Baiona impulsa a reciclaxe de envases de vidro entre os hostaleiros da vila

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Medio Ambiente, pon en marcha unha campaña para impulsar a reciclaxe de envases de vidro nos establecementos hostaleiros da localidade. A través de visitas personalizadas que comezaron esta pasada semana, lémbrase aos establecementos a obrigatoriedade de separar estes envases, en liña co cumprimento da Ordenanza Municipal. A hostalería xera, aproximadamente, o 50% dos envases de vidro dun só uso polo que a súa colaboración é clave para incrementar as cifras de recollida selectiva de envases de vidro na localidade e a consecución de obxectivos de reciclaxe. Por iso, avanzar na implantación de hábitos sostibles no sector supón unha mellora significativa na loita contra o cambio climático, e para a saúde da vila.

Durante as próximas semanas, un equipo de educadores ambientais seguirán realizando enquisas e entrevistas aos establecementos de hostalería de todo o concello, para coñecer de primeira man cales son as súas necesidades e poder adecuar os recursos existentes. Ademais, ofrecerán información detallada aos locais de como reciclar correctamente e das vantaxes sociais, económicas e ambientais que ten a reciclaxe de envases de vidro. Co fin de facilitar a reciclaxe de vidro na canle Horeca (Hostalería, Restauración e Cátering), entregarase, sen custo para o sector hostaleiro, cubos adaptados para facilitar o transporte dos residuos de vidro. Para levar adiante esta iniciativa, poñerase en marcha un traballo de campo para reforzar o coñecemento da normativa actual en materia de reciclaxe de envases de vidro.

“Con estas accións de proximidade o Concello de Baiona, a través da Concellería de Medio Ambiente, traballa para xerar un cambio de hábitos na cidadanía e mellorar as cifras da recollida selectiva na localidade. A campaña enmárcase no cambio de modelo de xestión de residuos que promove o consistorio baionés para alcanzar os obxectivos europeos de recollida selectiva, tender cara ao residuo cero e avanzar cara á economía circular. Este cambio implica a participación activa de toda a cidadanía en xeral e a hostalería en particular”, sinala o Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña.

Beneficios ambientais da reciclaxe de envases de vidro

O vidro que se deposita nos contedores recíclase ao 100% e utilízase para a fabricación de novos envases, de forma indefinida e sen perder as propiedades orixinais. A reciclaxe de envases de vidro é un elemento fundamental para contribuír ao desenvolvemento sostible, fomentar a transición cara á economía circular e loitar contra o cambio climático. Ademais, a reciclaxe de envases de vidro é unha actividade que apoia o cumprimento da Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, concretamente, redunda sobre os obxectivos (11) Cidades e comunidades sostibles, (12) Produción e consumo responsables e (13) Acción polo clima. Segundo os últimos datos dispoñibles correspondentes a 2022, os cidadáns de Baiona reciclaron un total de 339.551 quilogramos de envases de vidro.