Neste mes de outubro se cumpren 87 anos do asasinato dos veciños de Sabarís Ventura Pérez, Dolores Samuelle Álvarez e os irmáns Luís e José López Luís, “Os Ineses”, en mans da represión franquista na mañá do 13 de outubro de 1936. Cúmprese tamén un novo cabodano da execución de nove veciños do Val Miñor acaecida días despois, na madrugada do 15 de outubro, no lugar de Baiona que agora os lembra, A Volta dos Nove. En honor á memoria destes veciños e veciñas da nosa bisbarra, o Instituto de Estudos Miñoráns convocou unha serie de homenaxes que tiveron lugar este sábado.
O programa comezou ás 11:30 horas no cemiterio de Sabarís cunha ofrenda floral na tumba onde repousan os restos dos irmáns López Luís, Pepe e Luís e de Dolores Samuelle “Perfeuta”, que foi enterrada no medio dos dous irmáns e que, en anos posteriores, foi exhumada pola familia e trasladada a un panteón familiar. Ás 12:00 no cemiterio municipal de Baiona se fixo a ofrenda floral ante o lugar onde foron soterrados os nove veciños do Val de Miñor que foran asasinados a madrugada do 15 de outubro de 1936 na Curva da Bombardeira, saíndo de Baiona para Baredo, na que hoxe se nomea como A Volta dos Nove, onde se erixiu un monumento na súa lembranza, obra do artista miñorán Fernando Casás. No cemiterio onde foran enterrados colocouse unha peza en pedra, obra do mesmo artista, na que figuran os nomes dos nove asasinados. Rematouse ás 12:30 horas facendo unha ofrenda floral e unha pequena lembranza na memoria dos asasinados e as súas familias, ante a escultura de Fernando Casás, na Volta dos Nove, ante as nove cruces que dende aquel tráxico 15 de outubro foron debuxadas na estrada onde se deitara o seu sangue nun acto vil e covarde.
Nos actos interviñeron Xosé Lois Vilar Pedreira e Xilberte Manso de la Torre, do IEM, e Juan González Pérez, Alcalde de Nigrán, ademais de familiares e amigos para lembrar aos seres queridos asasinados e seguir reivindicando para as vítimas verdade, xustiza e reparación. Contaron co acompañamento musical da man de Bieito Lobariñas, mestre gaiteiro que colabora co IEM neste acto cívico de lembranza e memoria.
O asasinato dos Nove
O asasinato dos nove traballadores foi un acto de vinganza das forzas represivas trala morte do falanxista Luis Refojo, ocorrida en Sabarís, a tarde anterior das execucións. Refojo formaba parte dunha partida que ingresou a tiros nunha vivenda ocupada por un home cego (Ventura Pérez), unha muller de 71 anos (Dolores Samuelle Álvarez, “Perfecta”, que traballaba como doméstica) e os irmáns Luís e José López Luís, “Os Ineses”, fuxidos dos represores, un deles co cargo de ter sido tenente de alcalde de Baiona durante a República. Unha vez asasinados os ocupantes da casa, os falanxistas decidiron marchar cara as cadeas de Vigo en busca de presos políticos sobre os cales descargar a súa ira pola morte do camarada.
Primeiro chegaron á cadea de Vigo, alí non lle deixaron coller a ninguén, logo foron ao frontón da rúa María Berdiales que servía tamén de cadea. Meteron nove homes nunha camioneta e dirixíronse cara a Baiona. As testemuñas discrepan na hora na que os levaron a Baiona. En todo caso na madrugada do 16 de outubro, sobre a unha da madrugada nove veciños do Val Miñor foron asasinados á altura do quilómetro 58 de estrada Pontevedra-Camposancos
Os Nove
• Manuel Aballe Domínguez, mariñeiro de Panxón, de 41 anos. Fillo de Modesto Aballe Macaya e de Benita Dominguez Salgueiro. Casado con Antonia Rial Veiro, deixou dous fillos menores: Eugenio e Víctor.
• Felicísimo Antonio Pérez Pérez, mariñeiro de Panxón, 44 anos. Fillo de Antonio Pérez Dominguez e de Rosa Pérez. Casado, sen fillos.
• Elías Alejandro Gonda Alonso “O Ghonda”, labrador, de 36 anos, veciño de Santa Cristina da Ramallosa. Fillo de Ascensión Gonda Alonso. Casado cunha moza de Sabarís, Angelina Veiga Ríos, deixou tres fillos menores: Isabel, Carmen e Manuel.
• Manuel Francisco Lijó Pérez “O Lijó”de 34 anos, natural de Corrubedo (Ribeira) aínda que vivía e traballaba como mariñeiro no barrio do Burgo (Baíña). Fillo de Francisco Lijó Oliveira e de Ramona Pérez Gonda, estaba casado con Eugenia Mijón Durán, veciña de Baiona. Deixaría orfos a cinco fillos menores de idade: Mercedes, Manuela, Maximino, Oto e máis Eva.
• Modesto Fernández Rodríguez “O Rei Chiquito”, 47 anos, mariñeiro, veciño de Panxón, fillo de José Fernández e Dolores Rodríguez. Traballaba como mariñeiro. Do seu matrimonio con Rosalia Rodríguez Iglesias deixaría seis fillos menores: Gloria, Lidia, Juan, Enriqueta, Jaime e Álvaro.
• Fidel Leyenda Rodríguez “Tío Félix”, de 51 anos, mariñeiro de Baiona. Fillo de Eulogio Leyenda Álvarez e de Vicenta Rodríguez Miguez. Casado con Sofía Vieites Penedo, de Baíña, non deixaba fillos.
• José Rodríguez González, “O Pelonio”. Fillo de Rufina Rodríguez González. Veciño da Porta da Vila en Baiona. Tiña 45 anos Este mariñeiro deixaría viúva a Clementina Freire Mosquera, de 43 anos, e orfos a Rogelio, Manuel, José, Melitón e África.
• Manuel Barbosa Durán, “O Ferreiro do Burgo”. O máis novo dos asasinados, tan só contaba con 30 anos de idade. Mecánico, natural de Bruña, foi vivir a Panxón tras o seu matrimonio con Julia Sanjuan García. Deixaría catro fillos orfos Oulia, Mª Carmen, Mª Encarnación e Manuel. Os seus pais Alfredo Barbosa e Isabel Durán Álvarez .
• Generoso Valverde Iglesias, fillo de Fermín e Constantina. Tamén traballaba como mariñeiro e contaba, cando segaron a súa vida, 37 anos de idade. Natural e veciño de Panxón, casado con Aurelia Rodríguez Cabral, deixou seis fillos, todos eles menores: Generoso, José, Germán, Vicente, Elodia e Constante.













