Sin categoría

Baiona celebra o Día da Hispanidade

Baiona celebrou o acto do Día da Hispanidade no Monumento “Encontro Entre Dous Mundos”. Durante o acto, interviñeron en primeiro lugar, o Decano do Corpo Consular Acreditado en Vigo e honorable Cónsul de Polonia en Galicia, Juan M. Vieites Baptista de Sousa, seguido da Delegada Territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz Álvarez, pechando a quenda de intervencións o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña.

Entre os asistentes tamén estaba a corporación do Concello de Baiona, ex alcaldes, alcaldes do Val Miñor, fillos adoptivos de Baiona e demais autoridades locais da Vila. Por primeira vez, acudiu a este acto o Alcalde do Pobo Irmán de Pornic (Francia), Jean-Michel Brard, acompañado de tres concelleiros do consistorio francés.

O broche de ouro ao acto protocolario púxoo a interpretación da peza “Guantanamera” do autor Joselito Fernández, interpretada polos integrantes do grupo “Tamarindo”: Paloma Arín (voz solista), Benjamín Santos (guitarra e voces), Jota García (pianista, arranxista e voces) e Jesús Parra (requinta e voces).

O acto de celebración da efeméride este ano volveu ao seu emprazamento orixinal, o monumento “Encontro Entre Dous Mundos”. A Concellería de Cultura organizou un evento que combina o acto institucional cun concerto de música latinoamericana para o goce de todos os veciños.

Ás 18:00 horas comezou o acto protocolario para seguidamente continuar co concerto do grupo “Tamarindo”, “Ritmos de Latinoamérica”, que trouxo ata Baiona un repertorio das cancións máis coñecidas de Latinoamérica realizando unha viaxe a través das súas melodías, facendo un percorrido pola variedade musical de América do Sur, terra máxica e de diversidade cultural, onde se mesturaron todo tipo de ritmos africanos, europeos e precolombinos.