Sin categoría

Nigrán ofrece tres pezas de microteatro no Auditorio Municipal

O Concello de Nigrán continúa co seu clásico “Outono de teatro” este sábado 14 de outubro ás 20:00 horas no Auditorio Municipal cun microteatro con tres pezas. A primeira delas “A Capoeira”, de Teatro Escoitade; a segunda de Teatro de Cámara Ditea, “Tránsito”; e a derradeira, de Farándula Velutina Teatro, “Punta tacón”. As funcións, con entrada de balde ata completarse o aforo, encádranse no convenio entre o Concello e a Federación Galega de Teatro Afeccionado.

O ciclo de teatro continúa o sábado 21 de outubro coa compañía viguesa Porta Aberta presentando a comedia “Munuwa” e remata o sábado 28 con “Nadal na casa dos Lamelo” a cargo da compañía luguesa Achádego Teatro.

Fegatea

A comunidade teatral galega, dentro do ámbito afeccionado, é unha das maiores do territorio español e a Federación Galega de Teatro Afeccionado, formada hoxe en día por 50 grupos das catro provincias constituídos por máis de 600 persoas, conforma na actualidade a entidade máis representativa do teatro amador galego, afianzándose ano a ano como axente cultural imprescindible para a creación de novos públicos e a promoción da cultura e a lingua galega.