Sin categoría

A Garda Civil detén a dous mozos e investiga a un terceiro por atracar unha xoiería e un comercio

Os feitos remóntanse ao pasado 12 de maio cando, na localidade da Guarda, tres novos coa cara tapada con máscara e armados cunha pistola realizan o atraco a un supermercado, sen chegar a levar a recadación, grazas á temperanza das súas traballadoras. Poucos días despois, o 16 de maio, en horario próximo ao seu peche, novamente tentaron o roubo nunha xoiería, sendo este tamén infrutuoso grazas á activación do sistema de alarma por parte do propietario da xoiería.

Destes feitos, iníciase a investigación denominada “Dialva”, levada a cabo polo grupo de patrimonio da Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Garda Civil de Pontevedra, e o grupo “EBIO” (Equipo de investigación) da Garda Civil de Tui (Pontevedra). Despois de diferentes pescudas e xestións, a finais do mes de xuño, detense a un veciño da Guarda de 25 anos, con multitude de antecedentes policiais. No rexistro realizado na habitación do establecemento onde estaba aloxado na localidade de Marín, foi achada unha das pezas de cabeza utilizada para ocultar o rostro nun dos atracos.

Esta persoa tras prestar declaración na Comandancia da Garda civil, presentouse no Xulgado de garda de Pontevedra, onde o seu titular decretou a posta en liberdade con cargos e posterior remisión do expediente xudicial ao Xulgado competente do partido xudicial de Tui, para continuar coa súa instrución e preparación do futuro xuízo. Poucos días despois, na localidade da Guarda, investígase a un mozo, tamén desta localidade, de 26 anos de idade, e recupérase no seu domicilio a arma curta e a roupa utilizada nos atracos que escondía na súa habitación. Esta persoa declara no cuartel da Garda Civil da Guarda, quedando pendente da súa comparecencia cando sexa citado polo Xulgado de Tui.

Respecto do terceiro compoñente, un veciño do Rosal, de 19 anos, que se atopaba en paradoiro descoñecido e ten en vigor unha orde policial para a súa detención, ademais de atoparse fuxido dun centro de menores, o día 9 de outubro é localizado no Rosal, onde se procedeu á súa detención, sendo entregado no Xulgado de Garda de Tui ao día seguinte, e decretando este Xulgado o seu ingreso en prisión.