O 10 de outubro conmemórase o Día Mundial da Saúde Mental, celebración que conta co apoio da Organización Mundial da Saúde (OMS) e que este ano Avelaíña Val Miñor pon o foco na infancia, unha materia pendente a nivel sanitario, social e educativo. Cabe sinalar que a metade dos trastornos mentais presentan síntomas antes dos 14 anos, e tres cuartos deles comezan antes dos 24 anos.
Con este motivo, e co obxectivo de traballar a saúde mental entre as nenas e nenos da comarca, hoxe no Estuario da Foz de Nigrán Avelaíña organizou un acto convidando os alumnos de primaria do CEIP Humberto Juanes de Nigrán, CEP Sabarís de Baiona e CEIP Chano Piñeiro de Gondomar, ademais da Fundación Menela e do Centro Juan María.
O acto contou tamén coa presenza dos alcaldes do Val Miñor, Juan González, alcalde de Nigrán, Jesús Vázquez Almuiña, alcalde de Baiona, e Nuria Lameiro, primeira tenente de alcalde do Concello de Gondomar, acompañados das concelleiras de servizos sociais e benestar social, representantes de Feafes Galicia, ademais dos usuarios, familiares, Xunta Directiva e traballadores de Avelaíña.
Para traballar as emocións, o grupo de “Donde Viven los Cuentos” realizou cos alumnos unha obra artística colectiva e para rematar o acto, a Fundación Igual ARTE realizou unha actuación musical para todos os asistentes.





