O Equipo de Investigación (EBIO) da Garda Civil de Tui detén a catro persoas, como responsables de catorce delitos de roubo con forza en establecementos comerciais e nunha vivenda nas localidades da Guarda e Tomiño. Desde hai aproximadamente un mes, na localidade da Guarda, estaban a producirse unha onda de roubos de características similares. Por mor das denuncias interpostas iníciase unha investigación para esclarecer a autoría dos mesmos.
Despois dunha complexa investigación, o pasado 7 de outubro realízase a detención de 4 persoas, dúas de 55 anos, da Guarda, un de 32 anos, cidadán portugués, e unha muller de 35 con domicilio na Guarda, todos eles con multitude de antecedentes policiais. Nas distintas denuncias reitérase o roubo de todo tipo de alimentos, así como de diñeiro de curso legal de diversos países, diferentes xoias de ouro e prata e 28 décimos de lotería nacional.
Dous dos detidos son postos en liberdade en sede policial pendentes de acudir ao Xulgado cando sexan citados. Os outros dous detidos pasarán a disposición xudicial na mañá deste luns no Xulgado de Garda de Tui, xunto coas dilixencias instruídas.


