
A compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski celebra hoxe en Santiago de Compostela o 25 aniversario da firma da alianza entre a empresa familiar Vegonsa e a cooperativa EROSKI, que tivo lugar en 1998. Fixérono a través dun acto institucional no que estiveron arroupados por máis de 150 axentes da industria alimentaria e sociedade galega que se deron cita no Hostal dos Reis Católicos para conmemorar este fito significativo na historia de ambas as dúas compañías.
O acto, clausurado polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, puxo en valor os obxectivos alcanzados no primeiro cuarto de século da alianza Vegalsa-Eroski de man da CEO de EROSKI, Rosa Carabel; o presidente de Vegalsa-Eroski, Javier Amézaga e do director xeral da compañía, Joaquín González. O acto contou tamén coa intervención do catedrático experto en alianzas empresariais José María Beneyto e a actuación da compañía artística Nova Galega de Danza.
“Esta alianza non só é un testemuño da capacidade de perseverar, senón da importancia de manter valores arraigados no corazón de cada operación. Os vinte e cinco anos de traballo conxunto son exemplo de como a dedicación, a comunicación aberta e o respecto mutuo poden cultivar unha relación duradeira e exitosa” destacou a CEO de EROSKI, Rosa Carabel, durante o seu discurso.
Pola súa banda o presidente de Vegalsa-Eroski, Javier Amezaga, destacou “a emoción que supón celebrar o primeiro cuarto de século desta alianza e o orgullo polos grandes resultados alcanzados grazas ao traballo de miles de persoas que, co seu esforzo e dedicación, contribuíron ao éxito deste proxecto común”.
O director xeral de Vegalsa-Eroski, Joaquín González, mostrouse satisfeito cos resultados obtidos neste período. “Os artífices daquela unión queriamos unha compañía conxunta que crecese forte e competitiva, aspirando a liderar o sector da distribución alimentaria en Galicia. Estabamos convencidos de que esta alianza ía servir de impulso ao desenvolvemento da nosa terra, mellorar as condicións dos nosos equipos e veciños, ademais de contribuír ao desenvolvemento do tecido empresarial da nosa Comunidade”.
Vegalsa-Eroski contribúe e colabora co desenvolvemento das comunidades onde está presente, fomentando o crecemento da súa contorna. Así llo recoñecen os consumidores, outorgándolle o liderado en Galicia.
Expansión da rede comercial e compromiso con Galicia
Os datos do último exercicio de Vegalsa-Eroski poñen de manifesto a boa saúde desta alianza. 2022 foi un ano positivo a pesar de ser un período con grandes retos para o sector da distribución alimentaria.
Vegalsa-Eroski demostrou o seu compromiso coa produción local a través dunha estreita colaboración coa industria alimentaria a través das Denominacións de Orixe e as Indicacións Xeográficas Protexidas das comunidades nas que está presente, especialmente Galicia. Neste cuarto de século destacan os acordos alcanzados coa IGP Tenreira Galega para fomentar o coñecemento e consumo de carne de vacún certificada, o acordo de Comercialización Agraria de Calidade Diferenciada que manteñen con AGACA a través das cooperativas Horta de Galicia e Horsal ou a posta en valor da compra en orixe nas lonxas galegas e portos máis próximos, como os de Burela, Celeiro, A Coruña, Malpica, Ribeira, Marín e Vigo.
O balance destes 25 anos de alianza tradúcese no reforzo da presenza da compañía en Galicia con novas aperturas e a expansión cara ás Comunidades veciñas de Asturias e Castela e León.
A compañía conta con máis de 250.000 m2 de superficie comercial baixo as insignias hipermercados Eroski, supermercados Eroski Center, gasolineiras Eroski, Autoservizos Familia, as franquías Eroski City, Aliprox e Eroski Rapid, así como a insignia para profesionais da canle Horeca, Cash Record.
Retos de futuro
Durante a conmemoración do aniversario, tamén estiveron presentes nos discursos os retos aos que a compañía ten que facer fronte dentro do sector. O máis inminente, seguir dando resposta ás necesidades dos clientes nun momento no que a súa principal preocupación é a inflación de custos que están a ter lugar no ámbito alimentario. “Toda a cadea alimentaria estamos chamados a facer o noso maior esforzo para tratar de mitigar os efectos desta situación e, tal como vimos facendo desde o inicio desta crise, seguiremos traballando coa nosa contorna para que o consumidor siga tendo a capacidade de completar unha cesta da compra variada, saudable e alcanzable”, sinalou a CEO de EROSKI, Rosa Carabel.
Pola súa banda, o director xeral da compañía, Joaquín González, engadiu que Vegalsa-Eroski continuará “situando ao cliente no centro das nosas decisións” e “apostando pola innovación, modernización, sustentabilidade e solidariedade en toda a nosa cadea de valor” para continuar reforzando a nosa presenza en Galicia, Asturias e Castela e León.
25 anos “facendo camiño”, tamén nos establecementos
A celebración deste aniversario terá continuación nos establecementos da compañía en Galicia, Asturias e Castela e León a través de importantes descontos en máis de 150 produtos procedentes de medio centenar de provedores que contan cunha longa traxectoria de colaboración con Vegalsa-Eroski. Ademais, tamén estará dispoñible un sorteo de tarxetas regalo por valor de 200 euros entre os clientes que realizan unha compra superior a 25 euros desde hoxe e ata o 17 de outubro de 2023.
O slogan elixido para este aniversario, “25 anos facendo camiño”, tamén estará presente nas tendas a través dunha proposta gráfica, así como nos folletos e os perfís sociais da compañía.