Nigrán promoverá un referendo para decidir sobre a bidirección ou o sentido único da rúa Bouzavella

Os veciños de Bouzavella (Panxón) serán os que decidan democraticamente o futuro da súa rúa: bidireccional (así é actualmente) ou sentido único. O goberno de Nigrán aposta novamente pola participación cidadá mediante a convocatoria dun referendo que peche definitivamente este conflito entre os residentes da zona, enfrontados entre as dúas opcións desde hai anos. Así foi acordado no pleno ordinario de setembro ao presentar o PSOE esta emenda concreta a unha proposta inicial do BNG que instaba a realizar un proxecto de seguridade viaria na zona. Así, a aprobación da proposta do goberno inaugura un feito inédito na política local do municipio e que vai na mesma liña da consulta pública realizada en xuño de cara a regular a presenza de cans nas praias do municipio (o resultado foi favorable ao cambio da actual ordenanza).

“Entre os propios residentes hai opinións moi opostas, así que o máis democrático é que eles mesmos asuman a posición maioritaria que xurda da votación”, sinala o rexedor, Juan González, quen avanza que a consulta será mediante sobre pechado en urna no Salón de Plenos do Concello para garantir a máxima privacidade e este mesmo mes para axilizar todo ao máximo despois de anos de reclamacións por parte dos dous bandos. “En función do resultado o Concello tomará as medidas acordadas pola propia veciñanza e, por se resulta favorable ao sentido único, xa temos solicitado o informe perceptivo á Policía Local”, indica o alcalde, quen incide en que non afectará aos residentes ata o cruce co Camiño de Gorfens (parte inicial desde Estrada pola Vía) dado que aí o camiño é o suficientemente ancho como para que non estea en cuestión por parte de ninguén se reverter o dobre sentido.

“Votarán exclusivamente os residentes empadroados en Bouzavella, que son os que teñen que acceder por este camiño para ir ás súas casas, a decisión non pode ser do resto da cidadanía que simplemente atalla por aí para ir a Patos ou Monteferro”, subliña González.

A estreiteza da rúa Bouzavella, unido a aparcamentos indebidos, dificulta a maniobrabilidade e impide que en moitos tramos se poidan cruzar simultaneamente dous vehículos, xerando conflitos entre usuarios polas preferencias de paso, especialmente no verán, cando son centos de coches que atravesan a rúa para acceder a Patos, Madorra ou Monteferro xerando, en consecuencia, retencións. “A xente a emprega como atallo para ir á praia de Patos para evitar ter que facer toda Estrada pola Vía e cruzar polo centro de Panxón, por esta mesma razón moitos veciños demandan que se quede como está, non con sentido único, porque consideran que lles obrigará a dar demasiados rodeos cando o problema é sobre todo estival”, explica o alcalde, quen insiste en que o que sempre evitou foi “tomar unha decisión unilateral sen o consenso da veciñanza, que é a verdadeira afectada”. “Non fun nunca partidario de impoñer unha solución habendo dous bandos veciñais opostos e cada un deles coas súas razóns loxicamente argumentadas, así que finalmente teño claro que a decisión só pode saír dunha votación democrática entre eles que non os divida máis”, finaliza.