Sin categoría

Nigrán ofrece o contacontos “Contamos en Igualdade”

O Concello de Nigrán ofrece este sábado 7 de outubro ás 12:00 horas na Biblioteca Municipal o contacontos infantil “Contamos en Igualdade”, cunha duración de 60 minutos. A actividade encádrase no programa de animación á lectura “Ler Conta Moito” e non require de inscrición previa.

Está dirixida a nenos e nenas de 3 a 16 anos (divididos por grupos de idades homoxéneos). O obxectivo é rachar cos estereotipos dos roles tradicionais asignados aos personaxes dos contos en función do seu xénero, idade, etnia ou mesmo condición social, cultural ou funcional. A través de fermosos contos trataremos de reflexionar sobre a nosa relación cos demais, construíndo entre todos e todas un mundo máis igualitario e pacífico.

O derradeiro contacontos deste ano encadrado en “Ler Conta Moito” será o martes 24 de outubro ás 18:00 horas con Raquel Queizás presentando “Da túa man”.