O profesorado da Escola Municipal de Música de Baiona leva moitos anos sufrindo unha situación de precariedade laboral que os obrigou no seu día a recorrer á xustiza para o recoñecemento da relación laboral que mantiñan co Concello, e que efectivamente lles foi recoñecida en base ás horas de docencia que impartían fai 15 anos. Ese horario viuse claramente superado co crecemento ano a ano da escola, que se converteu nun referente no Val Miñor con máis de 150 alumnos matriculados nas 20 disciplinas musicais que ofrece.
“Co recente proceso de estabilización do emprego temporal as persoas que obtiveron a praza como profesores pasan a ser traballadores fixos do Concello, pero o goberno municipal anuncioulles que sería coas horas que tiñan hai 15 anos, sen ter en conta todas as ampliacións de xornada que viñeron tendo ao longo deste tempo produto do crecemento da escola e as necesidades actuais”, apunta Xavier Rodríguez, Responsable Comarcal de Administración Local da CIG.
Polo tanto, de levarse a cabo esta decisión, implicará unha drástica redución da xornada do profesorado que obrigará á escola a deixar de impartir materias como linguaxe musical e actividades como coro, banda ou batucada.
“Ao mesmo tempo implica non poder atender toda a demanda existente, deixando moitos alumnos en lista de agarda ou incluso cancelando matrículas xa formalizadas. Só a boa vontade do profesorado repartindo as escasas horas das que dispón permitiría non ter que chegar a anular matrículas xa feitas, pero en calquera caso sería a costa de reducir a duración das clases de cada instrumento á metade, coa evidente perda de calidade do ensino”, advirte Rodríguez.
A CIG esixe que cando menos se respecte a xornada real que o profesorado da escola viña desenvolvendo estes últimos anos e que, en calquera caso, permita atender coa calidade mínima esperable a demanda de formación musical no Concello de Baiona.

