Usuarios do Centro Juan María, contratados para traballar na feira Conxemar

Con motivo da celebración da XXIV Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados no Instituto Feiral de Vigo (IFEVI), a empresa GANDON S.A. Somos Mar contratará os días 3, 4 e 5 de outubro os servizos do Centro Especial de Emprego “Juan María Sin Etiquetas” en Nigrán.

Ao longo destes días o seu traballo consistirá en servir canapés e bebidas ao público no stand de Gandón Somos Mar. A atención ao público é unha área que Lucía Pérez e David Crespo, dúas das persoas contratadas, teñen máis que dominada, xa que realizaron unha formación dual adaptada como “auxiliares de comercio” para persoas con discapacidade intelectual no Centro Juan María durante 3 anos, formación que compatibilizaban cun contrato de traballo a media xornada na tenda de moda “Juan María Sin Etiquetas” situada no Parque Comercial Nasas en Nigrán. Por outra banda, Maikel Fernández, outra das persoas contratadas, actualmente está a finalizar os seus estudos como “auxiliar de limpeza” e está encantado de poder combinar traballo e estudos.

Este é un exemplo máis de que discapacidade e traballo poden ir da man. Na nosa sociedade hai miles de persoas incribles que queren ter os mesmos dereitos que o resto da sociedade e o dereito ao traballo é un deles.