O PP de Nigrán manifesta o seu rexeitamento á actual xestión económica da corporación socialista

O Partido Popular de Nigrán, a través da súa portavoz María José Pino, desexa trasladar aos veciños e veciñas do municipio os argumentos e razóns que provocaron o voto negativo do grupo durante o pleno extraordinario celebrado o 29 de setembro á aprobación das contas xerais municipais do ano 2022. Como ben é coñecido pola opinión pública, existe un informe do Interventor Municipal que de seu só lexitimaría un voto negativo a estas contas, xa que nel recóllense numerosas irregularidades, así como a denuncia ante o modus operandi da corporación socialista, consistente en saltarse sistematicamente os órganos de fiscalización interna.

Durante o pleno extraordinario, o alcalde Juan González defendeu as contas do seu goberno, vangloriándose do saldo positivo das mesmas e do nivel de débeda actual do Concello. Con todo, desde o grupo municipal popular quérese mostrar a outra lectura das contas, na que destacan aspectos como os seguintes, que o alcalde omitiu:

  • A existencia de 4.675 facturas por un importe superior a 5,7 millóns de euros correspondente a facturas verbais, cualificadas polo Interventor Municipal como “legalmente improcedentes”.
  • A presenza de gastos pendentes de aplicar ao orzamento por un valor superior a 700.000 euros.
  • A escasa execución das partidas orzamentarias, o que é a mostra palpable da ínfima capacidade de xestión do actual goberno. Como exemplo, o gasto final ascendeu a 16,7 millóns dun total de 28,9, o que supón un 57,7% do total. Chama especialmente a atención o baixísimo grao de execución orzamentaria en partidas como investimentos (18,8%), teleasistencia (18%), violencia de xénero (60%), emerxencia social (72%) ou fomento do emprego (25%).
  • A existencia de máis de 350 reparos por parte do Interventor Municipal durante o exercicio, que foron levantados de maneira irresponsable polo Alcalde.
  • A presenza de ordes de pago por un importe de case 10 millóns de euros (9,88 millóns).

Pino lembra que, aínda por riba, a maior parte dos servizos xestionados polo Concello atópanse actualmente privatizados e sen contrato en vigor, realizando o traballo a través de acordos verbais (axardinamento e zonas verdes, servizo de axuda a domicilio, xestión das multas de tráfico, limpeza de edificios municipais, etc). Para máis inri, o servizo de abastecemento de auga e saneamento, o único servizo con contrato en vigor, atópase nunha prórroga discutible desde o punto de vista legal e sen data de normalización. Debido ao anteriormente exposto, desde o Grupo Municipal Popular defenden a obrigación de votar en contra destas contas e, ante o gran número de irregularidades detectadas, non descartando unir as mesmas á demanda presentada ante a Fiscalía de Vigo.