Sin categoría

O PP do Val Miñor denuncia a “discriminación” do PSOE na Deputación cos investimentos máis baixos da provincia

As tres agrupacións do PP na comarca do Val Miñor veñen de criticar con firmeza a xestión realizada polo PSOE e o BNG durante os oito anos (2015-2023) que dirixiron a Deputación de Pontevedra en formato bipartito, xa que “discriminaron completamente e con dureza” a esta bisbarra cos investimentos máis baixos, de longo, de toda a provincia.

“O que fixeron Carmela Silva e a súa muleta do Bloque na Deputación coa comarca do Val Miñor non ten nome, porque maltrataron sen rubor a esta zona sen desmaio durante oito anos. Ademais é algo que non ten réplica posible porque o que é medible non é opinable e, no conxunto da comarca, apenas recibimos 83,60 euros por habitante ao ano durante os seus oito exercicios de goberno provincial, o que supón de longo a cifra máis cativa de entre as dez bisbarras da provincia”, lamentaron o alcalde de Baiona e voceiro do PP local, Sito Vázquez Almuiña, e as voceiras de Gondomar e Nigrán, Paula Bouzós e María José Pino.

Así, e baseándose nos datos facilitados pola propia ex presidenta, Carmela Silva, Nigrán foi o quinto concello que menos investimento por habitante recibiu da Deputación durante os seus oito anos de mandato; Gondomar situouse inmediatamente despois na sexta praza pola cola; e Baiona ocupou o posto décimo. Neses datos a anterior mandataria obviou as contías recibidas polas dúas cidades de Vigo e Pontevedra.

Investimentos da Deputación no período 2015-2023 nos concellos
Posto Concello Investimento Total Inv. Habitante/ano
50 Baiona 9,4 M€ 95 €
51 A Illa de Arousa 3,4 M€ 87 €
52 Moaña 13,5 M€ 86 €
53 O Porriño 13,8 M€ 84 €
54 Gondomar 9,4 M€ 78 €
55 Nigrán 11,2 M€ 77 €
56 Cangas do Morrazo 14,9 M€ 69 €
57 Marín 12,6 M€ 65 €
58 Redondela 14,4 M€ 62 €
59 Vilagarcía de Arousa 17,4 M€ 57 €

“As cifras de Gondomar e Nigrán, con menos de 80 euros por veciño ao ano, son lamentables; e os menos de 100 euros que se outorgaron a Baiona son irrisorios e, en ningún caso, chegaron para atender as necesidades dos veciños do Val Miñor, que se viron discriminados polo PSOE e polo BNG desde a Deputación fronte aos máis de 200 euros anuais por habitante que recibiron moitos concellos da provincia”, advertiron os representantes do PP, que engadiron que “aínda é máis lamentable que os cargos socialistas e nacionalistas nos nosos tres concellos aínda aplaudan esta discriminación e maltrato e teñan a valentía de sacar peito en vez de defender aos máis de 45.000 veciños da nosa bisbarra”.

“Pero é que ademais os datos en termos absolutos tamén demostran o desleixo e abandono do anterior goberno provincial coa nosa comarca, porque non resistimos a comparación, por poñer algúns concellos de distinta cor política, cos 18,4 millóns de Tomiño (BNG) cunha poboación similar a Gondomar e Baiona, cos 15,1 millóns de Silleda (PSOE) que non chega nin a 9.000 veciños ou cos 18,1 millóns de Sanxenxo (PP, que superou en 7 millóns a Nigrán malia ter unha poboación case idéntica”, aseveraron Almuiña, Bouzós e Pino.

Finalmente, os tres representantes do PP na comarca do Val Miñor amosaron a súa esperanza e o seu convencemento en que “a apertura da nova etapa na Deputación de Pontevedra, con Luis López ao fronte, permitirá que haxa máis investimentos nos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán e que se atendan axeitadamente as necesidades da veciñanza”.