Nigrán retira 20 quilos de lixo da desembocadura do río Muíños na XVI Limpeza Simultánea

O Concello de Nigrán sumouse como cada ano este domingo ao proxecto “Móllate polos Ríos”, coordinado pola asociación ecoloxista Adega e que nesta ocasión se centrou na desembocadura do río Muíños en Praia América, onde se retiraron preto de seis sacos con 20 kg de lixo na “XVI Limpeza Simultánea” en municipios de toda Galicia. Nesta ocasión participaron preto de 15 persoas de todas as idades, e xuntos reuniron fundamentalmente envases plásticos, botellas, restos de redes e obxectos como pelotas de tenis ou palas de xogo. En contraste con outras edicións, non había ningún obxecto especialmente voluminoso.

O Concello de Nigrán participa nesta xornada de concienciación ambiental dende o ano 2015 baixo a iniciativa do goberno local. Desde entón, grazas ao labor de voluntarios, téñense retirado do esteiro de A Foz e o río Muíños máis de dúas toneladas de lixo, principalmente botellas de vidro e material de construción e pesca, pero tamén tixolas, paraugas, cadeiras, xoguetes…

O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.

“É un día de sensibilización e concienciación medioambiental no que se pon de manifesto a necesidade da correcta xestión dos residuos ao tempo que amosamos que as pequenas accións valen moito”, subliña o alcalde, Juan González.