Nigrán ofrece a exposición de pintura de Horacio de la Campa Falque “Colección Vento”

O Concello de Nigrán ofrece ata o 25 de outubro no Auditorio Municipal a exposición de pintura de Horacio de la Campa Falque “Colección Vento”, composta por unha selección de 12 obras en gran formato e 3 máis pequenas. A mostra está aberta de 10:00 a 13:30 e de 18:00 a 20:00 horas.

BIOGRAFÍA

“Son un pintor galego de formación artística autodidacta, cunha traxectoria de máis de 30 anos, compaxinando a pintura coa miña outra paixón a pesca submarina e o mergullo deportivo: e como mergullador profesional a colaboración altruísta en rescates e salvamentos marítimos.

Son natural de Bouzas Vigo. Cando era neno, mergullaba lanzándome á auga desde a rocha que había a poucos metros da praia, fronte a Igrexa de Bouzas chamada “o Penedo”, á cal podía acceder porque a auga non me cubría. Mergullaba, pero non sabía nadar. Un bo día díxenme “se sei mergullar teño que seguir movendo brazos e pernas ao chegar á superficie” e así aprendín a nadar, sen axuda de ninguén. A vinculación co mar levoume a estudar na Escola Náutica Pesqueira (Patrón de pesca de altura) e Mergullo profesional, exercendo no seu día, como tal.

Expuxen as miñas obras por toda España con exposicións colectivas en Málaga (hotel D. Pepe), Alacante (hotel D. Sancho), Casino de Ourense, Santiago de Compostela (hotel Aragonei, Pontevedra (hotel Galicia Palas), Parador de Baiona, Parador de Cambados… En Vigo, máis recentemente, con exposicións individuais, na Deputación de Pontevedra, Círculo Mercantil, Sala Afundación Abanca, Casa das Artes de Vigo, Centro Cultural de Valladares, Centro Cultural “Emilio Crespo” de Navia, e Liceo Marítimo de Bouzas.

O lenzo é para o meu o soporte que recolle a expresión e a cor das miñas obras, para as que maioritariamente utilizo pintura acrílica, pero dependendo da obra, utilizo outros compoñentes para lograr tonalidades que non se conseguen só co acrílico. Recreo as miñas obras en vario estilos, paisaxismo impresionista, impresionismo, abstracto, pintura creativa e arte contemporánea.

Nesta mostra, parte da colección Vento que consta de 95 obras, pódense observar obras de distintas dimensións cunha técnica onde predomina o acrílico, tintes e óleos.