Máis de 30 voluntarios participaron este pasado domingo na xornada de limpeza de ríos que en colaboración con ADEGA se levou a cabo nos ríos de Gondomar, e de outros moitos concellos de Galicia de maneira simultánea. Foron retirados máis de 600 quilos de residuos de cristais, plásticos, diferentes envases, restos de obra, e pneumáticos entre outros. A xornada daba comezo ás 10:30 horas no punto de encontro establecido, onde os participantes recibían unha camiseta identificativa, luvas e bolsas para a recompilación dos residuos, así como unha pequena charla coas indicacións necesarias.
Ao longo de toda a mañá, os máis de trinta voluntarios, de todas as idades, percorrían divididos por grupos un treito de máis dun quilómetro dos ríos Miñor e Zamáns. Ao rematar, en torno ás 13:30 horas, todos os participantes na xornada recibiron un pequeno aprovisionamento de comida e bebida e como obsequio unha invitación para asistir á última xornada do Season Fest que se celebrou en Gondomar durante esta fin de semana.
O alcalde Paco Ferreira destacou que “a cantidade de residuos recollida este ano é sensiblemente inferior á de anos anteriores, o que demostra que as diferentes campañas de concienciación levadas a cabo dende o Concello están sendo efectivas”. O rexedor quixo ademais “agradecer aos más de 30 voluntarios e voluntarias participantes o seu compromiso co noso medio ambiente e cos nosos ríos, que son sen dúbida a nosa maior riqueza”.

