Un lume afectou a varias estancias dunha vivenda en Nigrán. Un móbil que quedou cargando durante a noite puido ser a causa deste incendio no que non se rexistraron danos persoais. Ao fío das 23:00 horas deste xoves a ocupante da vivenda, que neses momentos se atopaba no exterior, chamou ao 112 Galicia para explicar o acontecido: observaba lapas e fume saíndo do inmoble, situado na rúa de Tinde, en Parada. Naqueles intres xa estaban alí os membros do GES do Val Miñor.
Desde o 112 Galicia solicitouse a acción dos Bombeiros do Morrazo, da Garda Civil, da Policía Local de Nigrán e dos voluntarios de Protección Civil do Val Miñor. O GES do Val Miñor encargouse de controlar e apagar as lapas, tras o que comunicaron a relación de danos materiais: o lume propagouse desde unha das habitacións, na que colapsou o teito, afectando a toda a vivenda. Tamén indicaban que a causa puido ser un teléfono móbil que quedou cargando durante a noite.

