
Tras a disputa da penúltima xornada de competición nas Rías Baixas, Baiona decidirá este sábado ao novo campión do mundo da clase J80. A cita intercontinental organizada polo Monte Real Club de Yates co patrocinio de Turismo de Galicia e Galicia Calidade completou este venres unha oitava manga do campionato que serviu ao Eurofrits & Aviko Newindfoods de Javier Padrón para asentarse no máis alto do podio provisional.
Despois de dúas xornadas consecutivas de vento, onda e chuvascos nas Rías Baixas, este venres volveu reinar unha suave brisa no fondeadoiro das illas Cíes que complicou a xornada ao comité de regatas. Aínda que a frota soltou amarras de forma puntual, os case 80 equipos participantes tiveron que esperar varias horas no campo de regatas a que Eolo acudise á súa cita.
Foi durante ese tempo de espera cando o persoal do Mundial de Baiona que traballa nas pneumáticas da organización protagonizou a historia máis bonita do día ao rescatar a un pequeno golfiño que se atopada atrapado entre unhas redes. Despois de que un dos barcos da competición dese o sinal de alerta, lograron localizar ao golfiño para quitarlle o aparello e liberalo de novo no mar.
Finalmente foi ao redor das catro da tarde cando o comité puido dar o bocinazo de saída para unha única proba con condicións moi suaves e na que os equipos tiveron que esforzarse ao máximo para pelexar por unha vitoria parcial que acabou levándose o Etnia Barcelona de Peru Múgica.
O barco que compite baixo a grímpola do Real Club Marítimo de Santander acertou na súa estratexia e puido colocarse na cabeza da frota practicamente desde o principio, cruzando a liña de chegada en primeira posición xusto por diante do Eurofrits & Aviko Newindfoods que patronea Javier Padrón (RCM Santander/RCN Gran Canaria).
Por detrás, gran xornada tamén para o Alboroto do Monte Real Club de Yates, que compite con Javier Aguado á cana e este venres anotouse o seu primeiro podio parcial do campionato cunha pelexada terceira posición na proba.
Con estes resultados, o Mundial J80 de Baiona queda visto para sentenza e será o sábado cando se decida ao novo campión do mundo da clase. O Eurofrits & Aviko Newindfoods do armador Daniel de la Pedraja é o que ten máis papeletas para adxudicarse a vitoria final, e é que tras a disputa da penúltima xornada o equipo cántabro-canario mantense no máis alto da táboa cunha vantaxe de 22 puntos sobre o segundo clasificado.
Por detrás, a segunda posición pasa a ocupala agora o Marnatura de Luis Bugallo (MRCYB), que cun sétimo nesta última manga logrou remontar un posto na xeral, e terceiro é o Solintal de Ignacio Camino (RCM Santander) a dous puntos do equipo do patrón vigués. Tamén conta con opcións de podio o alacantino Dorsia Covirán de José Manuel Ruiz, que aínda que hoxe baixou da segunda á cuarta posición está a só tres puntos do terceiro clasificado.
Por categorías, o Dorsia Covirán armado por Nuria Sánchez continúa liderando na clase Mixta, o Team Balearia de María Bover (RCN Palma) na Feminina, o francés Telesto Ecole Navale de Paul Louseau en Xuvenil; o Kotablue Fibra Coruña 14/18 de Miguel Fernández (RCN A Coruña) en Corinthian; e o cántabro Mercury Avator de Jaime Piris (RCM Santander) en Master.
Tras a competición a actividade trasladouse ao village do Monte Real onde este venres entregáronse, de man do presidente do club, José Luis Álvarez, e do Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete, os premios ao mellor barco de cada unha das catro xornadas disputadas ata o momento. Os galardoados foron o Solintal de Ignacio Camino polo primeiro día de clasificación, o Eurofrits & Avico Newindfoods de Javier Padrón polo segundo, o Kotablue Fibra Coruña 14/18 de Miguel Fernández polo terceiro e o Etnia Barcelona de Peru Múgica polo cuarto.
Como cada tarde regatistas, armadores e patróns gozaron dunha nova xornada de degustacións gastronómicas grazas a Galicia Calidade antes de dar por finalizado o penúltimo día do Mundial de Baiona.
O Mundial J80 Baiona 2023 celébrase baixo a organización do Monte Real Club de Yates de Baiona co patrocinio de Turismo de Galicia e Galicia Calidade. A competición conta, ademais, coa colaboración de Deporte Galego, Deputación de Pontevedra, Repsol, Concello de Baiona, Terras Gauda e Gestilar.