Sin categoría

Baiona celebra a Romaría de San Cosme e San Damián

Este luns, 25 de setembro, e o martes 26, festivo local, Baiona celebra a Romaría de San Cosme e San Damián. Os veciños e veciñas poden participar na contorna de Santa Liberata nalgún dos cultos que se celebran na honra dos santos, gozar das actuacións musicais ou ben participar no tradicional mercadiño de froitos do campo e produtos outonais. Dous dos produtos estrela serán o mel e as noces da comarca. Como obriga a tradición, algúns romeus ofrecen aos santos os seus produtos do campo, figuras de cera e donativos en agradecemento polos favores recibidos.

Durante dous días a Praza de Santa Liberata convértese nun mercado onde se poden comprar todo tipo de produtos do campo, desde mel e noces ata froitas, verduras, apeiros de labranza, embutidos do país, produtos cosméticos naturais como xabóns, cremas hidratantes, aceites, plantas ornamentais, antiguallas, artesanía, etc. O mercado esténdese tamén pola rúa Marqués de Quintanar ata a Glorieta de Colón.

O Concello de Baiona profunda na súa aposta pola recuperación da gran romaría de San Cosme e San Damián no municipio, con dous días de programación. As actuacións comezan o luns, ás 18:30 horas cun pasarrúas polo recinto da Asociación Cultural “A Seneira”. A partir das 20:30 horas poderase gozar da actuación da Asociación Folclórica “Vila de Baiona” na Praza de Santa Liberta.

O martes 26, festivo local, o grupo de gaitas “Os Trebellos” de Baíña ofrecerá unha actuación no adro de Santa Liberata ás 13:00 horas. Ás 18:00 horas este mesmo grupo será o encargado de poñer música co seu pasarrúas polo recinto da festa. “Os Terribles de Donas” amenizarán ás 19:00 horas co seu pasarrúas o recinto da romaría.

ACTOS RELIXIOSOS

En canto aos actos relixiosos, o martes, día 26 de setembro (festivo local), haberá misas ao longo de todo o día: ás 08:00 e ás 09:00, na Capela de Santa Liberata. Ás 10:00, 12:00 (Misa Solemne), 18:00 e 20:00 na Ex-Colexiata de Santa María. A tradicional procesión terá lugar ás 11:00 da mañá acompañada por “Os Trebellos” de Baíña.