Hoxe ponse en marcha o festival Season Fest que se celebrará en Gondomar ata o próximo domingo 24 e que converterá ao Val Miñor no epicentro da música indie nacional. O músico e director artístico do festival, Pablo Novoa, será o encargado de inaugurar o certame hoxe ás 19:30 horas, no escenario Fest Galicia, emprazado na histórica Casa Peralba. Un concerto cargado de sorpresas que, segundo di o propio Novoa, “máis que un concerto é unha celebración do novo Season. Un milagre de festival con grandes bandas e promesas feitas realidade no que poderemos gozar de novos artistas que xa están dando moito que falar”.
Horarios e recintos
Mañá venres, no escenario Fest Galicia da Casa Peralba, a programación arranca ás 17:00 horas con Señora Dj. Ás 18:15 empezan os concertos con Habitación Vudú, seguidos de Sr. Jingles (19:30 h.), Visions of Johanna (20:50 h.) e Los Punsetes (22:15 h).
O sábado, o público poderá acceder ao recinto da Casa Peralba ás 12:30 horas e gozar dos concertos de Xenia (13:00 h.), Aeronave Adolescente (16:15 h), Margarita Quebrada (17:30 h) e Anabel Lee (19:30 h.). Xa pola noite, cambio de recinto para gozar no escenario Vibra Mahou instalado no Parque das Ánimas con Divergente DJ, a partir das 20:00 horas. A partir de aí, sucederanse os concertos de Xoel López, ás 21:00 horas, Iván Ferreiro, ás 22:50 horas e Triángulo de Amor Bizarro, ás 0:45 horas.
O domingo do Season Fest arranca ás 14:00 horas coa banda portuguesa Capicúa. Xa pola tarde, a programación ponse en marcha ás 15:00 horas con Abraham Boba Dj Set e continuará cos concertos de Firmado, Carlota (16:30 h.), Lusillón (17:45 h.), Tarde a Todo (19:00 h.) e un dos grupos revelación deste ano, a banda Querido.
Por outra banda, o Season Fest coincide coa celebración da feira gastronómica itinerante Rilla na Rúa, que se usará como zona gastro do festival.
Venda de entradas por día e menores de 14 de balde
Dende a organización informan de que os abonos están esgotados pero que se poden mercar entradas por día tanto na súa web como na propia billeteira do festival. Ademais, todas as persoas usuarias do Carné Xove poderán mercar as entradas ao Season Fest cun 15% de desconto. As e os menores de 14 anos poderán acceder aos dous recintos de balde.
O festival contará unha vez máis co apoio da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, Fest Galicia, AIE, Concello de Gondomar, e Vibra Mahou, a plataforma de música de Mahou Cinco Estrellas que crea encontros en torno ao directo. Tamén colaboración de empresas como o Grupo HGA.


