Vento e espectáculo nas Rías Baixas coa disputa de tres novas probas do Mundial J80 Baiona 2023. A frota participante na proba que organiza o Monte Real co patrocinio de Turismo de Galicia e Galicia Calidade protagonizou unha intensa e apertada xornada na que os equipos de Galicia e Cantabria despuntaron entre os case 80 barcos que se xogan o título intercontinental.
Cunha previsión de vento forte e esperándose unhas condicións especialmente duras cara a media tarde, o comité de regatas optou por adiantar unha hora o bocinazo de saída para a primeira proba deste xoves, logrando completar as tres mangas programadas en pouco máis de catro horas con refachos que chegaron a superar os 20 nós de intensidade.
Ariane Mainemare, oficial principal do Mundial, explicaba ao termo da xornada que “había que estar moi atento á meteoroloxía que podía ser adversa polos chuvascos e podía traer ventos fortes de súpeto, polo que había que estar alerta. Finalmente tivemos un día bonito e a verdade é que está a ser un campionato moi interesante, os 20 primeiros barcos están moi fortes e creo que vai seguir sendo así”.
Do mesmo xeito que na xornada inaugural, a regularidade volveu ser clave nunha xeral que non parou de cambiar tras a disputa de cada proba. O primeiro en sumar unha vitoria foi o galego Marnatura de José Luis Freire (Monte Real Club de Yates), que co vigués Luis Bugallo á cana impúxose de forma brillante ante a frota de 77 barcos que compiten polo Mundial de Baiona.
O triunfo neste primeiro asalto do mércores ademais do segundo e o quinto posto sumados nas dúas últimas probas do día permitiu aos de Bugallo levantarse ao terceiro caixón do podio, mantendo así todas as opcións abertas para as próximas xornadas de Mundial.
“Estamos moi contentos con como foi o día”, declarou o patrón vigués tras regresar aos pantaláns. “Puidemos cumprir o noso obxectivo de hoxe de estar entre os dez primeiros clasificados, así que xa estamos con ganas dos tres días que quedan e de dalo todo. Hai un gran nivel na frota e vai estar todo moi apertado”.
O Eurofrits & Avico Newindfood, que compite baixo as grímpolas dos Reais Clubs Marítimo de Santander e Náutico de Gran Canaria con Javier Padrón á fronte, foi sen dúbida o mellor desta segunda xornada clasificatoria, sumando un segundo na primeira manga do día e dúas vitorias parciais que lle permitiron remontar seis posicións na xeral e asentarse provisionalmente no cuarto posto a só un punto do Marnatura e sete sobre o tamén santanderino Fredo La estrella del Norte de José María “Pichu” Torcida, que ascende desde a oitava ata a quinta posición.
No máis alto da xeral e tras sumar este mércores uns parciais 6-7-4, o Solintal de Ignacio Camino (Real Club Marítimo de Santander) continúa liderando por segundo día consecutivo. Para os de Camino, a regularidade e o manterse en todas as probas entre os postos de cabeza está a ser clave para defender a súa posición para a recta final do campionato.
A segunda posición, que ata o de agora estaba ocupada polo Kotablue Fibra Coruña 14/18 de Miguel Fernández (Real Club Náutico da Coruña), pasa a estar en mans do Dorsia Covirán de Nuria Sánchez (Real Club de Regatas de Alacante). O barco que patronea José Manuel Ruiz tamén mantivo a regularidade este xoves cuns resultados 8-4-3, o que permitiu ao equipo subir un posto na xeral.
Con estes resultados e os catro primeiros barcos separados por só sete puntos, as tres xornadas que restan aínda por diante e a entrada en xogo do descarte a partir da sexta proba podería provocar novos cambios na xeral, e é que todo apunta a que o Mundial non se decidirá ata a xornada final.
Con respecto ás outras cinco divisións que tamén se xogan o campionato, a xornada do mércores tamén se resolveu con cambios e dous novos líderes. En Corinthian, a primeira posición pasa a estar agora en mans do Marías Casas do Telhado de Manuel María Cunha (Monte Real Club de Yates), que cun terceiro posto na primeira manga do día remontou na xeral para colocarse ademais dentro do top ten absoluto.
En categoría Feminina, gran xornada para o Team Balearia de María Bover (Real Club Náutico de Palma), que adianta ao Decoexsa de Olatz Muñoz (Real Club Náutico de San Sebastián) e ponse na cabeza da clasificación.
As divisións Mixta, Xuvenil e Master, continúan lideradas polo Dorsia Covirán, o francés Telesto Ecole Navale de Paul Loiseau e o Mercury Avator do santanderino Jaime Piris respectivamente.
Unha vez finalizada a competición, a actividade trasladouse ao village do Monte Real, onde un día máis os regatistas reuníronse para gozar de degustacións que ofrece Galicia Calidade e unha grellada con música en directo.
Para a xornada do xoves está previsto que o vento se presente na área de Cíes con condicións algo máis suaves que as do mércores e de compoñente oeste, polo que todo apunta a que o Comité poderá dar o bocinazo de saída de forma puntual.
O Mundial J80 Baiona 2023 celébrase baixo a organización do Monte Real Club de Yates de Baiona co patrocinio de Turismo de Galicia e Galicia Calidade. A competición conta, ademais, coa colaboración de Deporte Galego, Deputación de Pontevedra, Repsol, Concello de Baiona, Terras Gauda e Gestilar.



















