Nigrán ofrece este fin de semana en Gaifar o Festival de Percusión Afrobrasileira “Apertuke”

O Concello de Nigrán, un ano máis e como despedida xa do verán, ofrece o 16 e 17 de setembro o IV Festival de Percusión Afrobrasileira “Apertuke”, organizado a través da Asociación de Percusionistas e Tamborileiros “Aperta”. Durante dous días, o espazo deportivo municipal de Gaifar (Panxón) encherase de concertos, batucadas, obradoiros de percusión, infantís e de danza, pasarrúas, circo e animación… Todas as actividades, agás o obradoiro de percusión para maiores, son de balde. No recinto haberá tamén barra, postos de comida e postos de artesanía. O obxectivo é ofrecer un evento próximo, igualitario, participativo, social, horizontal, aberto, educativo, respectuoso coas persoas e respectuoso co medio ambiente.

O sábado 16 pola mañá, “A Cami” do grupo “Escandalera Escenario”, impartirá un obradoiro de percusión fusión con ritmos afrolatinos e “Matrácala” ofrecerá un obradoiro infantil de percusión con instrumentos reciclados. Pola tarde será a quenda dos grupos de percusión coas actuacións de Aperta, Perqtores e Latexo. Ademais, Cé Orquestra Pantasma ofrecerá o seu espectáculo para todas as idades, Patty Diphusa presentará e animará cunha función para peques e maiores, e Barafunda traerá espazo de xogos e animación infantil coa proposta de tres obradoiros. Tras a posta de sol, este ano coma novidade haberá cucañas e xogos e un obradoiro de danza afrohouse, gratuíto e impartido por Geni Muxima. De seguido, Black Stereo abrirá as actuacións de escenario e seguirá a facernos bailar co seu repertorio de músicas negras: Soul, Rhythm&blues, Funk, Disco… Tras eles, as mozas de Escandalera Escenario, chegadas dende Barcelona, mostrarán o seu espectáculo onde levan a percusión a un espazo creativo que mestura diferentes artes escénicas integradas. A continuación, será a quenda de Fanfarria Taquikardia, que ofrecerá o seu trepidante repertorio, que vai das melodías balcánicas a coñecidas pezas da música clásica e do cine, pasando pola música tradicional galega e latina, achegándolle sempre o espírito necesario para o baile e a xoldra. O fin de festa porao a dj Nu.Eva, selectora musical, bailarina e xestora cultural da cidade olívica que fará a súa sesión xogando con diferentes estilos, sempre cun background marcado por ritmos percutivos de kuduro, o afrobeat, ritmos do Caribe, funk do Brasil e beats máis urbanos.

A programación continuará o domingo 17 a partir das 13:00 horas cun gran pasarrúas que, un ano máis, percorrerá o paseo marítimo de Panxón con todos os participantes no obradoiro do sábado.

Toda a programación e información do festival está dispoñible na súa páxina web http://www.apertuke.com.