
Despois da súa ausencia no Rallye de Ferrol, Alberto Meira está de volta no Campionato Galego de Rallyes, como sempre a bordo do seu Skoda Fabia R5, xunto ao seu copiloto Avelino Martínez e o equipo AMF Motorsport.
O piloto de Vincios regresará mes e medio despois a territorio ourensán, onde se impuxo no Rallye Pazo Tizón, a súa primeira vitoria da tempada. Agora, na proba con sede en Luintra, Meira tratará de continuar a senda triunfal fronte á maior competencia do ano no que a vehículos da clase R5 refírese, con ata seis opoñentes pelexando pola vitoria absoluta.
O Rallye Ribeira Sacra xa viu a Alberto Meira no máis alto do podio e foi en 2016, a súa única vitoria alí, co Mitsubishi Lancer Evo X e xunto a David Vázquez. Cun percorrido idéntico ao do ano pasado, a experiencia outorgará ao piloto gondomarense unha vantaxe sobre a maioría dos seus rivais, que non participaron en 2022.
Meira móstrase optimista para esta fin de semana: “Estamos contentos de correr fronte a tanta competencia entre os R5, espero que sexa unha fin de semana como todos os que levamos facendo este ano, sen erros, con Avelino e o resto do equipo facendo o seu traballo á perfección. Os tramos son dos máis bonitos de toda a tempada, onde dá gusto pilotar, así que trataremos de dar nosa mellor versión unha vez máis para ir a por o triunfo”.
O Rallye Ribeira Sacra comezará o venres, como xa é tradicional, coa clásica cronometrada en Castro de Beiro onde se abrirán as primeiras diferenzas. O sábado será a quenda de catro especiais a dobre pasada que formarán o groso da proba, sempre en torno ao pobo de Luintra.