
O Concello de Nigrán continúa esta semana coa presentación nas diferentes parroquias do documento previo do PXOM que se proporá para aprobación provisional (pendurado desde xullo en sede.nigran.org no apartado Transparencia>Normativa Municipal>Normas en Tramitación>Urbanismo). Así, o xoves 14 será a quenda da propia parroquia de Nigrán ás 20:30 horas no Centro Social de As Angustias ao non haber asociación de veciños; o martes 19 será en Priegue (A.V. A Irmandade ás 20:30 horas), o xoves 21 na A.V. de Parada e, finalmente, o luns 25 de setembro na Unión de San Pedro. Todos os encontros son ás 20:30 horas e abertos á participación da veciñanza en cadansúa parroquia, como se fixo tamén no 2018.
Finalmente, este mesmo documento será presentado nun Consello Sectorial que se convocará en outubro, órgano este que se reuniu por última vez no 2018 para abordar a proposta de modificación número 25 das Normas Subsidiarias (NNSS) que rexen o planeamento urbanístico do municipio dende 1991.
Desde inicios de ano, todos os informes sectoriais son favorables e, como seguinte e derradeiro paso, o Concello enviou o 5 de maio á Xunta o “Estudo Ambiental Estratéxico”, trámite final para a súa aprobación provisional e que debe ter resposta nun prazo máximo de 3 meses, estimándose que se produza de xeito inminente e que sexa positiva ao dispor de todos os informes favorables.
“É unha enorme tranquilidade e unha satisfacción ter rematados todos os ‘deberes’ do PXOM por parte do Concello de Nigrán. Moi pronto Nigrán contará cun plan urbanístico do século XXI que a maioría dos municipios aínda non teñen, isto é grazas á colaboración e sintonía destes anos coa AXI e os demais organismos implicados”, finaliza.