Eroski e Autoservizos Familia activan unha campaña de axuda aos afectados polo terremoto en Marrocos

A compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski pon en marcha desde hoxe en todas as tendas das súas insignias Eroski e Autoservizos Familia en Galicia, Asturias e Castela e León unha campaña de axuda de emerxencia para apoiar ás persoas damnificadas polo devastador terremoto que golpeou á rexión de Marrakech, en Marrocos. Os clientes poderán realizar un donativo voluntario ao seu paso pola liña de caixas polo importe que desexen.

O total do doado por Vegalsa-Eroski e os seus clientes será canalizado a través de Cruz Vermella Española, que se puxo ao dispor da Media Lúa Vermella Marroquí para prestar apoio á poboación afectada mediante o envío de artigos de primeira necesidade, ademais de prestar apoio financeiro. Os equipos da Media Lúa Vermella que foron despregados inmediatamente no terreo seguen coordinados estreitamente coa Federación Internacional e as autoridades locais para atender á poboación afectada e participar nos labores de rescate que son clave nas primeiras horas.

Segundo as autoridades hai xa máis de 2.900 mortos e os feridos superan os 5.500 desde o terremoto de magnitude 6,8 graos. Os traballadores dos equipos de rescate e as Forzas Armadas de Marrocos continúan a procura de sobreviventes entre os entullos dos edificios derrubados polo terremoto máis mortífero en seis décadas que sufriu o país.

“As campañas de axuda cobran especial importancia en momentos de emerxencia como este, para poder brindar axuda onde máis se necesita e da maneira máis rápida posible. Estamos seguros de que os nosos clientes responderán a este chamamento na medida das súas posibilidades, para entre todos contribuír a apoiar a resposta humanitaria necesaria”, comenta a directora de Sustentabilidade e Comunicación Corporativa de Vegalsa-Eroski, Gabriela González.

“Atopámonos ante o terremoto máis potente que golpeou a zona nas últimas décadas. Grazas ao apoio de Vegalsa-Eroski e a súa clientela, que sempre están ao noso lado en situacións de emerxencia, axúdanos a seguir traballando para apoiar á poboación que máis o necesita, onde sexa e cando sexa máis necesario”, expresou o director de Captación de Fondos, Alianzas con Empresas e Responsabilidade Social de Cruz Vermella Española, Jaime Gregori.

Ao recadado nas súas tendas grazas ás doazóns dos clientes, Vegalsa-Eroski sumará unha achega adicional, que se sumará aos 3 millóns de euros que a compañía destina anualmente a contribuír en causas sociais.

Máis de 300.000 euros solidarios

Vegalsa-Eroski, xunto aos seus clientes, realizaron doazóns superiores aos 300 mil euros durante as últimas campañas solidarias activadas para axudar a damnificados por desastres naturais e outras causas humanitarias en destinos como Haití (2016), Filipinas (2013), Nepal (2015), Siria (2015), Mallorca (2018), A Palma (2020) ou a crise de Ucraína (2022). A última, este ano, foi destinada a poboación afectada polos terremotos de Turquía e Siria.