O Vigo-Rías Baixas aposta polos escaladores na Volta a Galicia

A tempada do Vigo-Rías Baixas chega ao seu fin cun dos grandes obxectivos de cada ano para a entidade presidida por José Luis Chamorro. A Volta a Galicia pon deste este xoves o colofón ao calendario flúor 2023 con moita montaña. Nunha rolda de catro días para escaladores, os pupilos de Jesús Blanco Villar esperan ter moito que dicir.

O bloque que presenta o conxunto olívico na liña de saída da Pobra do Brollón ofrece as máximas garantías para estar metido na pelexa. Asier González, terceiro clasificado Elite da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC); Mardoqueo Vásquez, podio na explosiva Domaio Heroica a finais de agosto; e Pablo Ara, vixente campión de Aragón, demostraron nas últimas semanas que chegan ao tramo final desta campaña nun óptimo estado de forma.

O trío de corredores elite estará acompañado por catro sub23 que tamén responden o perfil de escaladores: Martín Barrero, Pelayo Alonso, Sergio Quevedo e Alejandro del Cid. Ademais do especial que resulta para o Vigo-Rías Baixas correr na súa comunidade autónoma, os seus ciclistas terán a motivación extra de asinar unha brillate actuación para dedicarlla a Noel Martín tras a grave caída sufrida polo capitán de ruta do equipo a pasada semana na Volta a Cantabria.

Percorrido

Excepto o prólogo do xoves, unha contrarreloxo individual de 6,7 quilómetros no municipio lucense da Pobra do Brollón, o resto de xornadas da Volta contan con tres portos de montaña puntuables cada unha e moita dureza. O venres, con A Pobra de Brollón de novo como punto de chegada e de saída, ascenderase o alto de 1ª categoría de Airapadrón, coa súa cima a 28 km da meta.

O sábado celébrase a etapa raíña na localidade ourensá da Pobra de Trives, coa temida A Moá (1ª categoría) antes de alcanzar o ecuador do percorrido e final nunha subida de 3ª categoría. Por último, para o domingo queda o broche coa cidade de Pontevedra como epicentro e un trazado que nos seus últimos 30 km inclúe as ramplas do Lago de Castiñeiras (2ª) e O Pituco (3ª).