Nigrán ofrece desde o venres e ata o domingo a súa segunda festa equina en Porto do Molle

O Concello de Nigrán, en colaboración con ACOAGA, a Asociación Hípica Gz-Horse e a Federación de Hípica Galega, ofrece desde este venres e ata o domingo en Porto do Molle a súa segunda festa equina, consistente na final do campionato galego de enganches e Copa Galicia. Ademais, o evento inclúe diferentes exhibicións, concertos e estará instalada no recinto unha feira de artesanía.

A festa arranca o venres con exhibicións de diferentes clubs e bautismos hípicos. O sábado pola tarde, Alejandro Nande, veciño de Nigrán e Campión de España de Doma Clásica Paraecuestre con tan só un 10% de visión, realizará desde as 17:00 horas unha exhibición de doma clásica. A partir das 18:00 haberá unha competición na especialidade de xincana ou “mounted games”. A xornada continuará con música tradicional en directo.

Xa o domingo, desde as 11:00 horas, será o concurso demostración de enganches de carruaxes con diferentes modalidades (con dous cabalos ou un), e ás 13:30 a entrega de trofeos. Ás 16:30 horas será a final da Copa de Galicia e o evento rematará ás 20:00 horas co concerto de “Black Hats”.