Baiona fixa como festivos locais para o 2024 o 16 de xullo e o 26 de setembro

O próximo ano 2024 os veciños e veciñas de Baiona marcarán en vermello no seu calendario como festivos locais o 16 de xullo, día da festividade da Virxe do Carme, e como vén sendo costume, o 26 de setembro, festividade de San Cosme e San Damián. O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, e os concelleiros implicados na organización dos festexos, reuníronse hai unhas semanas cos veciños e veciñas colaboradores na realización das distintas festas populares do verán en Baiona (Virxe do Carme, Santa Liberata e Virxe da Anunciada), que teñen compoñentes relixiosos pero tamén festivos.

“Queremos promocionar unhas festas que reflictan o noso legado histórico e cultural, que sexan un elemento fundamental da actividade estival da Vila para os veciños e veciñas e para todas as persoas visitantes”, apunta o rexedor, que manifestou durante a reunión “a importancia de ter en conta a estes colectivos e a necesidade de colaboración e participación estreita entre a administración local e os veciños implicados na organización das distintas festividades”, polo que “desde este mesmo momento, creouse un grupo de traballo para deseñar as festas do ano 2024, sendo o Concello de Baiona organizador contando coa estreita colaboración destes colectivos”.

Así mesmo, o alcalde destaca que “o goberno local profunda na súa aposta pola liña de recuperación e posta en valor do arraigamento destas tradicionais festas baionesas. “Trátase dunhas celebracións que resumen o noso legado histórico e cultural por iso desde o Concello de Baiona envorcarémonos con estas celebracións”, conclúe Almuiña. A aprobación dos festivos locais do ano 2024 en Baiona levouse ao pleno municipal deste mes de setembro celebrado esta mañá.