Os servizos de extinción traballan para atallar un incendio nun viveiro de Sabarís

Pasadas as 19:10 horas da tarde, un particular informou ao 112 Galicia de que estaba a observar unha nube de fume negro saíndo das instalacións dun viveiro situado na rúa Julián Valverde, en Santa Cristina da Ramallosa. Nos minutos seguintes, varios alertadores contactarían co CIAE-112 Galicia para comunicar os feitos.

Nada máis recibir o aviso, desde o 112 Galicia solicitouse a colaboración de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que enviou unha ambulancia ao lugar, dos Bombeiros do Porriño e de Vigo, do GES de Val Miñor, da Garda Civil e da Policía Local de Baiona. Tamén colaboran medios do distrito forestal da zona e os axentes da Policía Local de Nigrán, e informouse aos voluntarios de Protección Civil de Val Miñor.

Cando chegaron ao punto, os axentes da Garda Civil confirmaron que o lume xa consumira o tellado de plástico das instalacións.

Arestora, os servizos de emerxencias traballan para atallar as lapas.

ACTUALIZACIÓN: Ás 20:45 horas, o 112 Galicia tivo constancia de que o incendio está controlado. Nestes momentos, continúan os traballos de extinción no punto.