A Concellería de Igualdade do Concello de Baiona continua coa súa colaboración co programa de formación “Galegas Dixitais”, totalmente gratuíto e promovido pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e financiado a través dos fondos Next Generation EU e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea. Está organizado por Beproyect Consultores e Ara Formación e o seu principal obxectivo é mellorar as capacidades dixitais de mulleres que se atopan en situación de desemprego ou en mellora de emprego. Preténdese favorecer a capacidade de empregabilidade, impulsar o emprendemento e desenvolvemento rural e reducir a brecha de xénero.
As participantes na iniciativa realizarán un itinerario formativo deseñado para avanzar en tres niveles: desde o básico de competencias dixitais ata un grao máis avanzado que ademais permitirá ás mulleres iniciarse se así o desexan en competencias dixitais para o emprendemento. A formación está agrupada nos seguintes bloques temáticos: competencias dixitais básicas con 40 horas de duración; competencias dixitais avanzadas con 40 horas de duración; e competencias dixitais para o emprendemento con 40 horas de duración.
O programa desenvolverase desde o mércores 4 de outubro ata o 15 de novembro en horario de 9:00 a 14:00 horas no Multiusos Ángel Bedriñana. Xunto co material didáctico e co obxectivo de facer posible o uso das novas tecnoloxías tras a formación, as alumnas participantes serán obsequiadas cun computador portátil co que poderán poñer en práctica o aprendido. As mulleres interesadas deberán presentar a súa solicitude no CIM de Baiona en horario de 9:00 a 14:00 horas, de luns a venres, e achegar fotocopia do DNI, tarxeta de desemprego ou tarxeta de mellora de emprego.
Para máis información poden contactar no teléfono 986 35 75 54 ou a través da dirección electrónica cim@baiona.gal.

