O Partido Popular de Nigrán, a través da súa portavoz municipal María José Pino, denuncia o modus operandi que está a levar a cabo a corporación socialista de Nigrán respecto á exposición pública do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
Ao longo dos últimos días, fóronse anunciando reunións nas diferentes parroquias para expoñer o documento aos veciños e veciñas. “Este anuncio, aínda que positivo, choca frontalmente coa actitude mostrada cara aos grupos da oposición, os cales non foron convidados (nin sequera informados) ás devanditas reunións, mantendo a liña de opacidade imperante ao longo dos últimos anos”.
Desde o Partido Popular de Nigrán celébranse os avances na tramitación do PXOM, “os cales foron posibles en gran parte grazas ao traballo e celeridade levados a cabo desde a Xunta de Galicia, que non en poucas ocasións tiveron que sacarlle as castañas do lume ao goberno local ao longo destes últimos anos”.
Con todo, Pino denuncia a total opacidade e escurantismo mostrados desde a corporación socialista municipal á hora de mostrar o documento aos demais grupos da oposición. Esta actitude non sorprende aos populares, “especialmente tras coñecer algunhas informacións recentes, nas que se pon de manifesto a total hipocrisía do alcalde Juan González nun ámbito tan importante como o urbanismo, pois o documento presentado mantén moitas das planificacións criticadas de maneira demagoga polo señor González cando era líder da oposición”.
Apertura da sede para informar sobre o novo Plan Xeral
O Partido Popular de Nigrán anuncia que a sede municipal do partido, situada en Manuel Lemos 22 (Centro Comercial “A Paloma” A Ramallosa) permanecerá aberta os martes e xoves en horario de 19:00 a 21:00 horas para os veciños e veciñas do municipio que queiran consultar o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal, podendo trasladar calquera dúbida ou cuestión sobre o mesmo.

