A programación cultural do Concello de Gondomar continúa esta fin de semana cunha ampla oferta que inclúe música e deporte. A programación da fin de semana comezará o sábado coa actuación do grupo de música tradicional “Os Terribles de Donas”, que presentarán o seu amplo repertorio no Auditorio Municipal Lois Tobío ás 20:00 horas con entrada libre ata completar aforo.
As actividades do domingo arrancarán cedo, ás 8:00 da mañá, cando terá lugar a saída dende a Praza Paradela da Marcha Cicloturista Concello de Gondomar, que reunirá a centos de amantes da bicicleta que farán un percorrido por diferentes localidades da comarca, para rematar novamente na Praza do Concello de Gondomar en torno ás 14:00 horas.
A partir das 16:00 horas dará comezo no Parque Ponte das Rosas a I edición do Festival Predator, onde a música e o deporte se mesturarán nunha actividade aberta a todo o público ata ás 20:00 horas. Para rematar esta variada oferta o mesmo domingo ás 20:00 horas a Banda de Gaitas Irmandade, chegados dende Uruguai, subirán ao escenario do Auditorio Lois Tobío.
Ademais da programación propia, o Concello colabora activamente cos distintos centros culturais e asociacións de veciños na súa programación cultural. Deste xeito o Concello colabora coa AVV Galiñeiro de Vincios que celebra durante todo o sábado a súa Festa do Socio, proporcionando a instalación dunha carpa, a través da firma dun convenio de colaboración que asinaron este venres o alcalde e a presidenta desta asociación.
O alcalde subliñou que “a cultura e o deporte son uns dos piares fundamentais da nosa acción de goberno, así o ten sido nestes últimos anos e así o seguirá sendo nos próximos e continuaremos con noso apoio decidido aos centros culturais e asociacións veciñais nas súas actividades, e claro exemplo diso é o convenio que acabamos de asinar coa Asociación Galiñeiro de Vincios”.

