O Concello de Baiona, a través da Concellería de Cultura dirixida por Policarpo Vilar Misa, atópase inmersa nos preparativos do acto homenaxe a Diego Carmona, Vasco Gómez Gallego, Vasco Gallego e Vasquito (fillo de Vasco Gallego). Desde o departamento municipal quérese honrar con este acto aos mariños de Baiona que navegaron con Magallanes e Elcano no 501 Aniversario da Primeira Circunnavegación á Terra. Os actos centrais da homenaxe terán lugar este domingo, 10 de setembro, ás 20:00 horas na confluencia das Rúas Vasco Gallego e Diego Carmona, onde se descubrirá unha placa conmemorativa en recordo destes catros mariños de Baiona. Acto seguido, sobre as 20:15 horas, a Igrexa de Santa María de Baiona acollerá o concerto “Pangea” de Abraham Cupeiro.
Fai uns 200 millóns de anos no noso planeta existiu un único e xigantesco continente: PANGEA. Este empezou a separase co paso do tempo dando lugar aos diferentes continentes actuais tal e como os coñecemos. A viaxe que desde o Concello de Baiona proponse con este concerto, é a unión mediante a música das diferentes partes do planeta. Soarán desde a austral Oceanía cos ecos das súas buguinas, ata as misteriosas montañas chinesas que o son do Hulusi debuxa coas súas melismáticas melodías. Grandes chairas de América do Norte, selvas como as de Sudamérica, a flaute Peule de Senegal, a Gaita Búlgara, a desafiante Zurna e as milenarias cornas de pastor, coserán o vestido que unirá unha vez máis á nosa terra. PANGEA é un canto á diversidade cultural do noso planeta.
Previamente o venres 8 de setembro, o Monte Real Club de Yates de Baiona acollerá ás 19:30 horas unha conferencia baixo o título “Unha odisea para lembrar, un mundo para explorar e unha poboación para esquecer: Encontros e desencontros na primeira viaxe a América”. A profesora titular do Departamento de Historia da arte da Universidade de Santiago de Compostela, Begoña Fernández Rodríguez, será a encargada de ofrecer este interesante relatorio. O sábado día 9 de setembro, no mesmo emprazamento e á mesma hora, o Doutor en Historia Moderna e escritor José Calvo Poyato, conversará de “A primeira volta ao mundo de Juan Sebastián Elcano e as súas relacións con Galicia”.
O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, sinalou que “desde o Concello de Baiona queremos aproveitar esta efeméride para poñer en valor as xestas de navegación destes mariños veciños da nosa vila que forman parte da historia universal. Unha fazaña de homes de mar que grazas a estes mariños, aínda que non o sospeitasen, deron inicio baixo os auspicios da coroa de España, á primeira globalización da historia”.



