
O Concello de Nigrán emprenderá nas vindeiras semanas a completa restauración do lavadoiro do Saraivo, situado na parroquia de Nigrán en pleno Camiño Portugués pola Costa e catalogado. O investimento, de 50.000 €, conta cunha subvención de 20.000 € do Instituto de Estudos do Territorio e supoñerá devolverlle o valor á súa imaxe de conxunto, moi deteriorada e carente de interese debido a engadidos posteriores a base formigón. Ademais, a súa situación na rúa Comesaña (parroquia de Nigrán) permitirá que se transforme nun lugar agradable onde veciños e peregrinos poderán sentarse a descansar e refrescarse. “Levamos anos restaurando fontes e lavadoiros de todo o municipio co fin de devolverlles o valor patrimonial, cultural e etnográfico que representan e seguiremos facéndoo”, indica o alcalde, Juan González, en referencia aos 160.000 € investidos os anos pasados na posta en valor de 7 lavadoiros e 8 fontes de todo o municipio.
A actuación, redactada polo arquitecto nigranés Severo Fernández, consistirá na eliminación da cuberta de formigón para crear unha vexetal totalmente plana e que facilite a entrada de luz, integrándose así á perfección coa paisaxe que rodea este lavadoiro. Ademais, executaranse unhas novas escaleiras de acceso e saída con varanda de protección, substituirase o pavimento, e colocarase un murete curvo que tamén servirá de banco para o descanso na zona máis alta; todo elo en granito para non restar importancia á cantería do lavadoiro orixinal. A maiores, recuperarase a fonte existente e o conxunto será dotado de iluminación LED totalmente integrada na intervención para que tamén sexa un lugar seguro e atractivo cando non hai luz natural.
“A intención é crear un recinto acorde cos valores do noso patrimonio e devolverlle o seu uso como perfecto lugar de descanso e refresco para veciños e peregrinos”, finaliza González.