Conferencias sobre o 501 Aniversario da Primeira Circunnavegación á Terra en Baiona

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Cultura dirixida por Policarpo Vilar Misa, atópase inmersa nos preparativos do acto homenaxe a Diego Carmona, Vasco Gómez Gallego, Vasco Gallego e Vasquito (fillo de Vasco Gallego). Desde o departamento municipal quérese honrar con este acto aos mariños de Baiona que navegaron con Magallanes e Elcano no 501 Aniversario da Primeira Circunnavegación á Terra. Para iso, organizáronse toda unha serie de actividades que poñan en valor as fazañas de navegación levadas a cabo por estes mariños baioneses.

Así, o vindeiro venres 8 de setembro, os xardíns da Casa da Navegación de Baiona acollerán unha conferencia baixo o título “Unha odisea para lembrar, un mundo para explorar e unha poboación para esquecer: Encontros e desencontros na primeira viaxe a América”. A profesora titular do Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, Begoña Fernández Rodríguez, será a encargada de ofrecer este interesante relatorio.

O sábado día 9, no mesmo emprazamento e á mesma hora, o Doutor en Historia Moderna e escritor José Calvo Poyato, conversará de “A primeira volta ao mundo de Juan Sebastián Elcano e as súas relacións con Galicia”. En caso de choiva as conferencias trasladaranse ao Monte Real Club de Yates de Baiona.

O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, sinalou que “desde o Concello de Baiona queremos aproveitar esta efeméride para poñer en valor as xestas de navegación destes mariños veciños da nosa vila que forman parte da historia universal. Unha fazaña de homes de mar que grazas a estes mariños, aínda que non o sospeitasen, deron inicio baixo os auspicios da coroa de España, á primeira globalización da historia”.