
Gran primeira xornada en Baiona para a cita máis esperada da tempada de cruceiros en Galicia. O 38º Trofeo Príncipe de Asturias estreouse este venres con nota e a frota xa comeza a tomar posicións na proba que organiza o Monte Real Club de Yates e a Escola Naval Militar co patrocinio de ABANCA. Syone Panther en ABANCA ORC 1-2, Urbapaz en Aceites Abril ORC 3-4, Solintal en Solventis J80 e Tutatis na Gestilar Ladies Cup son os primeiros líderes da prestixiosa cita galega.
Tal e como vaticinaban os partes, o vento non tardou en establecerse na ría de Vigo e o Comité de Regatas puido completar as dúas primeiras probas na área das Illas Cíes para a frota de ORC 1-2, 3-4, J80 e tres para as participantes da Gestilar Ladies Cup no interior da baía de Baiona. Todas contaron cunhas condicións de vento de entre sete e nove nós de compoñente suroeste que permitiron arrancar co primeiro bocinazo de forma puntual ás tres da tarde.
Portugal domina en ABANCA ORC 1-2
Na clase ABANCA ORC 1-2, a primeira xornada do Príncipe de Asturias resolveuse con dúas firmes vitorias para o Syone Panther de Nuno Torrens, que compite baixo a grímpola da Asociación Naval de Lisboa.
Aínda que o Aceites Abril do Real Club Náutico de Vigo cos irmáns Luis e Jorge Pérez Canal á fronte foi o máis rápido en completar as dúas probas disputadas, en tempo compensado foi o equipo de Torrens o que conseguiu tomar a dianteira con dúas axustadísimas vitorias parciais, resultados que lles permite liderar provisionalmente a xeral cun total de dous puntos na súa marcadora.
Por detrás, o segundo posto ocúpao por agora o Magical de Julio Rodríguez (RCN Vigo) cun terceiro e un segundo e no terceiro caixón sitúase o Aceites Abril. Os dous equipos do náutico vigués contan, ademais, con empate a cinco puntos, e con dúas xornadas máis por diante non hai dúbida de que todo está por decidir.
O Urbapaz de Francisco Edreira, primeiro en Aceites Abril ORC 3-4
Algo menos axustadas estiveron as cousas na clase Aceites Abril ORC 3-4. O Urbapaz de Francisco Edreira, que compite polo Club Náutico Cabanas e xa partía como un dos favoritos ao vencer o pasado ano en ORC 3, non deu opción aos seus rivais e adxudicouse as dúas vitorias postas en xogo. Foi tamén o máis rápido en tempo real, logrando unha vantaxe suficiente como para asegurarse o liderado na xeral e con catro puntos de vantaxe sobre o seu inmediato perseguidor.
Na segunda posición sitúase polo momento o Sailway de Ramón Ojea (CM Canido) cun segundo e un cuarto posto anotados e terceiro é o Raygrass III de José Antonio Núñez (CM Carrumeiro).
O Solintal toma a dianteira en Solventis J80
Aínda que o programa de competición contemplaba un máximo de tres probas para a frota de Solventis J80 nesta primeira xornada, o Comité de Regatas puido completar finalmente dúas antes da chegada dun chuvasco que comezou a complicar as cousas cara ao final da tarde.
Así, o Príncipe arranca con empate no máis alto da xeral entre o Solintal de Ignacio Camino (RCM Santander) e o Marías de Manuel María Cunha (MRCYB). Os santanderinos, cun primeiro e un quinto anotados, gañan o desempate fronte ao segundo e cuarto posto sumados polo equipo do Monte Real e colócanse por agora no primeiro caixón do podio provisional.
Pola súa banda, cun oitavo e un terceiro, o Solventis Ribadeo de Alberto García que compite tamén baixo a grímpola do club baionés pecha o podio no terceiro caixón.
Co Mundial a só dúas semanas e a frota apertando ao máximo no top ten, non hai dúbida da vitoria final da clase Solventis J80 será unha das máis disputadas da fin de semana.
A Gestilar Ladies Cup estréase con dominio do Tutatis de Marta Ramada
Os seis Fígaros que se disputan a Gestilar Ladies Cup tamén estrearon este venres os seus marcadores, e fixérono coa disputa das tres primeiras e apertadísimas probas do programa no campo de regatas situado na baía de Baiona.
Aínda que o Erizana de Pilar Casares, que compite representando ao Real Club Náutico Porto de Pollensa, foi o primeiro en sumar unha vitoria na súa marcadora, o Tutatis de Marta Ramada do Monte Real foi o que pechou esta primeira xornada no máis alto da xeral cun cuarto e dous triunfos anotados. As de Ramada lideran, iso si, con só un punto de vantaxe sobre o equipo de Casares, que son segundas, e tamén sobre o Bouvento de Carmen Galdós, que ocupa a terceira praza coa mesma puntuación que o Erizana.
O Príncipe de Asturias, en clave social
Paralelamente á competición, o Príncipe de Asturias tamén estreou este venres a súa axenda social no club baionés. Á primeira hora da mañá, as 36 regatistas que conforman a frota da Gestilar Ladies Cup inauguraban a xornada no village do Monte Real coa xa tradicional foto de familia, que contou coa presenza do medallista olímpico vigués, Nico Rodríguez, e o vicepresidente do club, Alechu Retolaza.
Pola tarde, unha vez finalizadas as probas na auga, inaugurouse oficialmente o village desta trixésimo oitava edición, un espazo no que se sitúa tamén a exposición de vehículos de Volvo Autesa e que funcionará ao longo da fin de semana como punto de encontro de regatistas e armadores con degustacións de man de Martin Miller e Terras Gauda.
O sábado, segunda xornada e entrega dos Premios Nacionais de Vela Terras Gauda
Este sábado, á frota que xa se estreou o venres no campo de regatas uniránselle as clases Gadis ORC 5, Volvo Autesa Open 1 e SH Robotic Open 2, que inaugurarán os seus marcadores coa disputa da primeira das dúas probas costeiras coas que contan no seu programa. Un ano máis, entre a frota de Open estará o equipo de vela adaptada do Monte Real cunha tripulación do Centro Juan María de Nigrán.
Como vén sendo habitual, a segunda xornada do Príncipe estará protagonizada por un dos actos sociais máis importantes de cada edición: a gala de entrega dos Premios Nacionais de Vela Terras Gauda. O acto terá lugar ás 20:00 horas e contará coa presenza de José Luis Álvarez, presidente do Monte Real Club de Yates; Antón Fonseca Moretón, vicepresidente executivo de Terras Gauda; Pedro Cardona, comandante director da Escola Naval Militar; Diego Calvo, vicepresidente da Xunta de Galicia; Jesús Vázquez Almuiña, alcalde de Baiona; Marta Fernández-Tapias, vicepresidenta da Deputación de Pontevedra; Gabriel González Eiroa, director comercial de ABANCA; e Pilar de Sas, que entregará o premio de comunicación que leva o nome do seu marido, Mariano Aguado.
O 38º Trofeo Príncipe de Asturias celébrase baixo a organización do Monte Real Club de Yates e a Escola Naval Militar e grazas ao patrocinio de ABANCA, Terras Gauda e Gestilar. A competición conta, ademais, coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o concello de Baiona; as Reais Federacións Española e Galega de Vela; e o apoio de empresas como Solventis, Volvo Autesa, Aceites Abril, Zelnova Zeltia, Paradores, Vanguard Marine, Gadis, Foxy, SH Robotic, Onda Cero, Musto, o grupo Solitium, HOLA, Tuypan, Coca Cola e Martin Miller’s Gin.