O Concello de Nigrán pon en marcha “Galegas Dixitais”, un programa de formación gratuíto dirixido a mulleres. O programa desenvolverase dende o día 18 de setembro ao 30 de outubro. Trátase dun programa de formación gratuíto, dirixido a mulleres, e integrado polos seguintes bloques temáticos: competencias dixitais básicas con 40 horas de duración; competencias dixitais avanzadas con 40 horas de duración; e competencias dixitais para o emprendemento con 40 horas de duración.
O programa está destinado a mulleres empadroadas no Concello de Nigrán, e terán preferencia as mulleres en situación de desemprego. No caso de non cubrirse todas as prazas poderán participar mulleres empadroadas noutros concellos. A formación inclúe un ordenador portátil que será entregado ás participantes unha vez finalizado o programa, así como un diploma acreditativo.
O programa desenvolverase de luns a venres no Centro Antena (rúa Otero Pedrayo) e realizaranse dous cursos cos seguintes horarios: mañá de 9:00 a 14:00 horas e tarde de 16:00 a 21:00 horas. O prazo de inscrición será dende o día 31 de agosto ata o día 11 de setembro e as mulleres interesadas deberán presentar o formulario de inscrición no Rexistro Xeral do Concello de 9:00 a 13:00 horas ou a través da sede electrónica (www.nigran.org), acompañada da seguinte documentación: tarxeta de desemprego ou tarxeta de mellora de emprego.
O programa está financiado polos Fondos europeos NextGenerationEU e o Plan de recuperación, transformación e resiliencia do Ministerio de Educación e Educación Profesional. “Trátase dunha moi boa oportunidade para achegarse ás novas tecnoloxías, a formación e o emprendemento, que ademais entregará un ordenador portátil totalmente gratuíto ás participantes e aproveitando a financiación dos Fondos Europeos”, sinala o Alcalde.
Para máis información poden dirixirse ao Centro de Información ás Mulleres no teléfono 986 383081 ou no correo electrónico cim@nigran.org.

